Xosé Fernández Ferreiro, o "rapaz de aldea" que soñou con ser aprendiz de afiador, como el mesmo dicía, foi un home "valente e honrado" que viviu unha vida "cumprida de vivencias intensas e de afectos firmes, como sempre foi o seu compromiso con Galicia", salientou Fernández Naval no acto co que familiares, amigos e compañeiros dos mundos literario, xornalístico e académico quixeron renderlle homenaxe. El foi tamén quen lle deu nome dun afiador ao grupo Brais Pinto, "a quen consideraba a súa verdadeira familia", indicou Fernández Naval. O grupo, nado en Madrid en 1958, formábano "fillos da guerra e da posguerra" que querían "loitar por unha Galicia nova sen renunciar ao pasado", recordou de seguido Manuel Bragado a través da lectura dun fragmento das memorias do escritor finado.
Antes ca Brais Pinto, Fernández Ferreiro fundara no Ourense dos primeiros anos 50 grupo literario Xente Nova canda Serafín Gómez Pato, César Arias e Víctor Campio Pereira, lembrou a continuación este último. Campio recorreu ás palabras do propio Fernández Ferreiro plasmadas nunha carta que lle fixo chegar, na que salientaba como os postulados de Xente Nova renaceran en Brais Pinto. "Uns e outros tentaban naquela tundra isolada dos anos 50 reconstruír o camiño do galeguismo", leu Campio, que lle dedicou para rematar uns versos da súa autoría ao homenaxeado.
Bautista Álvarez recuou tamén aos anos de mocidade e ata unha das librerías do Ourense dos anos 50, na que antes de coñecer en persoa a Xosé Fernández Ferreiro descubriu Ribeirana do Sil. Logo coincidirían en Brais Pinto, colectivo formado por mozos que "soñaban unha Galicia diferente a que estamos vendo", expresou Bautista Álvarez, quen insistiu no amor do compañeiro finado por Galicia, manifestado desde o punto de vista "que se podía naquel momento, o cultural".
Fernández Ferreiro deixa unha obra literaria "sólida, multiforme e diversa", que vai máis aló do perfil de novelista histórico que tende a ver a crítica e que "sobrevivirá en tanto o noso idioma viva", proseguiu Xosé Luís Méndez Ferrín. O escritor lega tamén unha "obra de culto", A morte de Frank González, a primeira novela de vaqueiros en galego, "que está pedindo que se converta en película", valorou. E esta non sería a primeira incursión de Fernández Ferreiro no mundo do cine, xa que, recordou, de mozo traballou para Suevia Films redactando títulos en español para moitos filmes.
Por último, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, lembrou como soubo da existencia de Ferrnández Ferreiro en 1951 a través dun entusiasmado Florentino López Cuevillas. "Aquel verán fun ver a Cuevillas e faloume dun rapaz que estaba escribindo versos en galego, nun momento en que acababa de nacer a editorial Galaxia e acababa de renacer a literatura galega". Po iso Ribeirana do Sil, poemario publicado polo propio Ferreiro un ano despois, ten "significado histórico", destacou. Alonso Montero retratou o Fernández Ferreiro escritor, mais tamén o xornalista.
Como profesional dos medios de comunicación, fixo carreira en distintas redaccións, pero Alonso Montero quixo lembrar especialmente as súas colaboracións en La Noche, sempre co "aguillón desde o antifranquismo", raiando a fronteira entre o que permitía daquela a legalidade "e o que un quixera facer". Como creador, cultivou sobre todo a narrativa, eido no que ademais de ser pioneiro na novela de vaqueiros e dos primeiros en abordar, con Agosto do 36, a represión da Guerra Civil, dotou por vez primeira de categoría artística o barallete n'A saga do afiador, engadiu. Nesta lingua dos afiadores quixo dar Alonso Montero o derradeiro adeus a Fernández Ferreiro: "En barallete hai unha metáfora que parece homérica: o carro chámase o chián, a auga, orete, e cando hai moita auga, por exemplo o mar, é oreteiro. Pois ben, acaba de deixarnos Fernández Ferreiro, que colleu o barco definitivo e marchou polo chián do gran oreteiro".