O ‘Missale Auriense’, 530 anos dun dos libros impresos máis antigos de Galicia

O 3 de febreiro de 1494 Gonzalo Rodríguez de la Passera e Xoán de Porras remataban na vila de Monterrei o Missale Auriense, un dos primeiros libros impresos no antigo Reino de Galicia, por encarga do bispado de Ourense. Ata os nosos días só chegaron dous exemplares deste libro litúrxico que contén os textos necesarios para a celebración da misa segundo o rito romano. Un deles, en pergameo, consérvase no museo da catedral de Ourense e o outro, en papel, na Biblioteca Nacional de España. Cadrando cos seus 500 anos, a Dirección Xeral de Cultura publicou unha edición facsimilar, ao coidado de Ignacio Cabano e Xosé María Díaz Fernández, que pode consultase na biblioteca da RAG.

1/4

Francisco de Zúñiga, conde de Monterrei, convertera a vila raiota nun verdadeiro centro de difusión da cultura no cambio de século. Nela desenvolvían a súa actividade como impresores, ademais de Rodríguez de la Passera e Xoán de Porras, Juan Gherling, de orixe alemá e chegado á vila con posterioridade á data de edición do incunable ourensán.

O Missale Auriense consta de 280 páxinas a dúas columnas de 32 liñas cada unha, impresas en tipografía gótica. O libro está dividido en cinco partes. En “Calendario e bendicións” relaciónanse os mártires romanos, os santos da Igrexa visigótica e aqueles santos de especial devoción na diocese ourensá, ademais dos ritos da bendición da auga e do matrimonio. Sorprende a omisión de san Rosendo, patrón de Celanova, canonizado xa no século XII. A seguir vén o “Dominical”, que detalla o culto dos domingos e santos de todo o ano, ademais do ritual do bautismo. No “Ordinario da misa” expóñense as oracións que han ser cantadas na misa e que contan, ademais, con cadansúa notación musical, aspecto no que o incunable ourensán adiantou o resto dos misais impresos na península. O “Santoral” é o misal das festas dos santos e do Nadal e, por último, o “Común dos Santos e Misas Votivas” inclúe misas aos anxos, á Trindade ou á Virxe, ademais das dedicadas a ocasións particulares, como as guerras, as pragas e pestes dos cultivos, ou para suplicar o “don das lágrimas”.

O misal remata co seguinte colofón: "Esta obra das Misas, o libro Misal de todo o ano, tanto dos domingos coma dos Santos, sae á luz para loanza e gloria de Deus e da súa nai a Virxe María, tras dilixente corrección e emenda, imprimíndoo na súa conta e en sociedade, Gonzalo Rodríguez de la Passera e Xoán de Porras. Rematouse a impresión en Monterrei, exercendo o dominio desta vila e condado D. Francisco de Zúñiga, o 3 de febreiro de 1491.”