O léxico relativo á terra, ás plantas e ás árbores, no novo volume do 'Atlas Lingüístico'

O sexto volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), dedicado ao léxico relacionado coa terra como espazo natural, as plantas e as árbores, foi presentado esta mañá no Instituto da Lingua Galega (ILG). A obra, coordinada polo profesor e académico Francisco Fernández Rei, foi editada conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié.

De dereita a esquerda, Francisco Fernández Rei, coordinador do volume; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o reitor da USC, Juan Viaño; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; e o director do ILG, Ernesto González Seoane, na presentación da nova entrega do ALGa. Foto: USC


O novo volume pertence á colección Biblioteca Filolóxica Galega, integrada por traballos do ILG e xurdida a finais dos anos noventa baixo a dirección dos profesores da USC e membros da Real Academia Galega Constantino García e Antón Santamarina, ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié para divulgar obras relevantes de investigación filolóxica. Segundo explica o equipo do ALGa, a gran novidade formal deste sexto traballo está no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico.

O material cartografado agrúpase en dous grandes apartados. O primeiro está dedicado á terra, con 116 mapas con cuestións relativas ao monte, ao val, á auga e ás consecuencias da erosión desta e ao tipo de pedras e mineirais. O segundo céntrase nas árbores e nas plantas e consta de 204 mapas coas denominacións de plantas silvestres e arbustos, árbores silvestres e froiteiras, e tamén dos seus froitos. Con 22 mapas, merece especial atención o léxico da castaña, froito que tivo unha grande importancia tradicionalmente na economía galega.

O ALGa seguirá medrando proximamente co sétimo volume O ser humano (II), coordinado pola académica Rosario Álvarez e Francisco Dubert e Xulio C. Sousa, e que xa está case rematado. O oitavo, Agricultura (I), en fase moi avanzada, coordínao outro membro de número da Academia, Manuel González; e o noveno, Fauna, en fase incipiente, realizarase baixo a coordinación de Francisco Fernández Rei. Están proxectados tres volumes máis cos que se completará a serie léxica do ALGa.