O Laboratorio de Cántigas Novas abre un espazo para a creación individual e colectiva

Ortigueira acollerá de marzo a xullo o Laboratorio de Cántigas Novas,  un espazo para a experimentación e a creación de novas cancións co propósito de integrar e resignificar o patrimonio musical herdado e abrir o diálogo con outros estilos, formas e poéticas. Coodirixido polos músicos Ugia Pedreira e Óscar Górriz, o programa ponse en marcha cadrando coa celebración das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras e o cancioneiro popular galego. As persoas interesadas en se inscribir poden consultar todos os detalles na páxina web do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que acubilla a proposta a través da súa área formativa.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, á esquerda da imaxe, intervén na presentación do Labotatorio de Cántigas Novas celebrada no Museo do Pobo Galego. Fonte: RAG

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na presentación do Laboratorio de Cántigas Novas, que afondará no proceso creativo desde a autoría persoal ata a compartida, explicou Ugia Pedreira no acto celebrado no Museo do Pobo Galego. Víctor F. Freixanes valorou o carácter descentralizador desta proposta e lembrou que a RAG tamén celebrará as Letras Galegas fóra das grandes cidades, en Malpica de Bergantiños, Cerceda e Muxía.

O programa combina sesións creativas a cargo de Ugia Pedreira e Óscar Górriz, sesións comunitarias coa veciñanza de Ortigueira e foliadas, e sesións de mestría coa improvisadora oral Alba María; o director de aCentralFolque, Ramón Pinheiro; o coreógrafo e investigador Quique Peón; a cantante e compositora Sú Garrido Pombo; o acordeonista Pedro Pascual e o pianista Alejandro Vargas.

Ugia Pedreira e Óscar Górriz codirixen o Laboratorio de Cántigas Novas que se desenvolverá de marzo a xullo en Ortigueira. Fonte: RAG