O Irixo, un topónimo único procedente da forma latina de 'igrexa'

A sala multiusos da Casa do Concello do Irixo acolleu unha nova parada do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da toponimia tradicional e procura colaboradores na súa salvagarda para a aplicación Galicia Nomeada. O evento foi presentado polo alcalde, Manuel Cerdeira.

O coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG, Vicente Feijoo, explicou o funcionamento de Galicia Nomeada, a aplicación colaborativa que suma máis de 2.000 contribuíntes con 30.000 achegas toponímicas. Diversos colaboradores xa incluíron máis de 700 topónimos e microtopónimos do concello do Irixo neste espazo desde a súa posta en funcionamento, un labor importantísimo pois neste concello ourensán non se fixera traballo de campo nos anos que estivo activo Proxecto Toponimia de Galicia (PTG).  Entre estes colaboradores cómpre destacar os 544 microtopónimos subido por parte do profesor Xulio Dobarro, autor dun libro no que tamén estuda a toponimia maior deste concello, O Irixo. Patrimonio cultural.

A charla serviu tamén para coñecer a orixe e o significado dalgúns dos nomes das aldeas, lugares e parroquias do Irixo. Esta parte do relatorio contou coas achegas etimolóxicas de Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica e académico de número electo. 

Nada máis acaído neste mes de Santos que visitar o concello do Irixo, nome que é considerado un dos múltiplos derivados toponímicos da palabra latina ECCLESIA. Único en todo o Nomenclátor, a forma Irixo tivo un antecedente Irixe, documentado como Ponte de Irige nun documento de 1415. O mesmo debilitamento que actuou para pasar dun -a etimolóxico final a un -e (de Irixa ou Eirexa a Irixe ou Eirexe) foi o que converteu este Irixe no Irixo actual. Precisamente, na freguesía de San Cosmede de Cusanca rexistramos o topónimo A Eirexe, unha das formas procedente do latín ECCLESIA que deixou na nosa toponimia as seguintes variantes e derivados: Igrexa, Eirexa, Eirixa, Irexe, Irixa, Irixoa, Grixa, Grixoa, Grixó, Eirexúa...