Nunha carta manuscrita remitida a Henrique Monteagudo, os alumnos e as alumnas que decidiron o premio salientan do secretario da RAG "o compromiso que mostra nas actuacións públicas en defensa da identidade de Galicia e o seu traballo constante dende o ámbito académico e docente na defensa do noso patrimonio cultural". Tamén lle agradecen o vínculo que mantén coa realidade da Galicia emigrante en xeral "e coa nosa particular dende esoutra beira do Atlántico". "As atencións que sempre nos dispensa cando viaxamos a Galicia e os seus valores persoais nos que mestura espírito crítico con ansias construtivas son, entre outros, argumentos polos que desexamos que esta Rosa dos Ventos 2016 leve o seu nome", engade a misiva.
Monteagudo agradeceu hoxe a concesión dunha distinción "que honra moito e que obriga moito máis aínda", e da que salienta a súa orixe. "Vén do pasado (dunha longa memoria), pero sobre todo vén do porvir, do futuro que representa esa mocidade galego-arxentina", apuntou o sociolingüista, profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
O Premio Rosa dos Ventos foi creado hai cinco anos. En anteriores edicións tamén foron galardoados os académicos Víctor Freixanes (2012) e Manuel Rivas (2014).