Henrique Monteagudo, no centro, acompañado de Ataliba Teixeira de Castilho e Rosario Álvarez.
O encontro, organizado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co Instituto das Letras da Universidade Federal de Bahía e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Sâo Paulo, foi inaugurado esta mañá polo reitor da USC, Juan Viaño, xunto á presidenta do comité organizador e académica da RAG, Rosario Álvarez; o secretario do congreso e director do ILG, Ernesto González Seoane; a decana da Facultade de Filoloxía da USC, María José López Couso, e o profesor da Universidade de Sâo Paulo Ataliba Teixeira de Castilho.
De seguido, Henrique Monteagudo pronunciou a conferencia inaugural, A lingua no tempo, os tempos da lingua. O galego, entre o portugués e o castelán, na que ofreceu unha visión histórica centrada no galego e no portugués europeo tomando o castelán como elemento de comparanza para concluír que é necesario situar o galego "no campo dos estudos da lingüística e filoloxías portuguesas".
"Unha boa porción das coincidencias entre o galego e o castelán estándar explícanse porque a variedade do modelo do castelán (peninsular) se constituíu historicamente sobre unha base dialectal marcadamente setentrional -xa que logo, non como resultado dun proceso de asimilación do galego por parte do castelán-, mentres que unha parte non menor das diverxencias entre o galego e o portugués resultan do feito de que a variedade de referencia do portugués europeo se ergueu sobre unha base dialectal marcadamente meridional -por tanto, non por un desvío do galego en relación co tronco común", lembrou Monteagudo.
Na transición do século XVI ao XVII produciuse unha remuda na base dialectal do castelán padrón e a base toledana foi substituída por outra máis setentrional, "que ademais experimenta unha revolución fonética, como resultado da rotura da relativa coincidencia no período clásico do eixo Toledo/Lisboa", concretou o relator. Asemade, entre os séculos XVII e XIX o portugués padrón experimetou unha revolución fonética "cunha orientación claramente meridionalizante". "Esas evolucións nas variedades-teito do centro e do oeste da península explican en boa parte as coincidencias do galego co castelán peninsular e as súas descoincidencias co portugués europeo", profundou.
O secretario da RAG concluíu a intervención sinalando a necesidade de construír unha lingüística histórica cunhas bases "máis plurais e cunha"Temos pendente facer unha historia lingüística da península ibérica na que se oia non só o timbre autoritario dos estados, senón a polifonía dos pequenos" perspectiva máis ampla, capaz de integrar no seu obxecto de estudo a diversidade lingüística por riba das fronteiras e os fenómenos de contacto de linguas". "Temos pendente facer unha historia lingüística da península ibérica e das terras e pobos que falan as linguas procedentes de aquí. Nesa historia, queremos que se oia non só a voz dos grandes, senón tamén dos pequenos, non só o timbre autoritario dos estados, senón a polifonía dos pequenos. Os galegos e as galegas queremos contribuír a esa historia, achegando o noso particular punto de vista, que responde á nosa complexa historia", engadiu.
Homenaxe a Ramón Lorenzo e Antón Santamarina
O académico agardou nesta liña que o congreso, que se desenvolverá ata o 30 de xullo na capital galega, contribúa a colocar o galego "no lugar que lle corresponde dos estudos de lingüística portuguesa".
Monteagudo agradeceu ademais o "impagable maxisterio" de Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, membros de número da RAG e fundadores do ILG, que serán homenaxeados esta tarde no marco do encontro. O reitor Juan Viaño tamén tivo palabras de recoñecemento para ambos os dous catedráticos, "pioneiros do desenvolvemento da lingüística galega e románica", salientou. A homenaxe aos profesores Lorenzo e Santamarina terá lugar ás 20 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia.