O IES Lucus Agusti homenaxea a Xesús Alonso Montero, o "mestre con maiúsculas"

A comunidade educativa do IES Lucus Augusti rendeulle o pasado venres unha homenaxe a Xesús Alonso Montero en lembranza dos anos nos que foi docente neste centro educativo. Entre 1960 e 1976, o expresidente da RAG impartiu clases no daquela Instituto Masculino, onde deixou unha fonda pegada entre os estudantes. Antigos alumnos, profesores do centro e escritores tomaron a palabra nun acto no que foi retratado como un "mestre con maiúsculas".

O público asistente ao acto apláudelle a Xesús Alonso Montero antes de tomar a palabra. Fonte: IES Lucus Augusti

A celebración contou coa presenza de persoeiros do mundo da cultura chegados dende distintos puntos do país. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o vicesecretario, Henrique Monteagudo; e a directora da Sección de Lingua e presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, foron parte dos asistentes á homenaxe, na que don Xesús evocou a primeira clase que impartiu, en outubro de 1960, neste vello centro educativo.

O académico asegurou que aquela lección, a súa primeira en Galicia, foi a que tomou máis en serio na vida. Preparouna inspirándose en Que é a literatura? de Jean-Paul Sartre, unha pregunta que trataría sempre de responder aprendéndolles aos seus alumnos outra maneira de ler, apuntou o xornalista e escritor José de Cora, un dos estudantes do profesor que interviñeron no acto. Xesús Alonso Montero foi no Lugo daqueles anos "un revulsivo cultural e político", un "mestre libre e símbolo da loita pola liberdade", engadiron sobre o seu mestre os tamén xornalistas Perfecto Conde e Fernando Ónega.

Tras o seu paso por Lugo, o académico trasladouse a Vigo. A partir de 1984 impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a ser catedrático de Literatura Galega.

Xesús Alonso Montero acompañado do vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do instituto, Carlos Cazón. Fonte: IES Lucus Augusti