A celebración contou coa presenza de persoeiros do mundo da cultura chegados dende distintos puntos do país. O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes; o vicesecretario, Henrique Monteagudo; e a directora da Sección de Lingua e presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, foron parte dos asistentes á homenaxe, na que don Xesús evocou a primeira clase que impartiu, en outubro de 1960, neste vello centro educativo.
O académico asegurou que aquela lección, a súa primeira en Galicia, foi a que tomou máis en serio na vida. Preparouna inspirándose en Que é a literatura? de Jean-Paul Sartre, unha pregunta que trataría sempre de responder aprendéndolles aos seus alumnos outra maneira de ler, apuntou o xornalista e escritor José de Cora, un dos estudantes do profesor que interviñeron no acto. Xesús Alonso Montero foi no Lugo daqueles anos "un revulsivo cultural e político", un "mestre libre e símbolo da loita pola liberdade", engadiron sobre o seu mestre os tamén xornalistas Perfecto Conde e Fernando Ónega.
Tras o seu paso por Lugo, o académico trasladouse a Vigo. A partir de 1984 impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela, onde chegou a ser catedrático de Literatura Galega.