Alumnado, profesorado,familias e representantes de distintas institucións participaron na homenaxe a Fraguas do instituto do seu concello natal. Fonte: IES de Cotobade
No manifesto, o alumnado e as institucións asinantes animan os pais e nais cotobadeses, da comarca e de Galicia enteira a a empregar o galego como primeira lingua cos seus fillos e fillas, convidan a que todo tipo de organizacións e colectivos fagan tamén do galego a súa lingua de uso habitual e instan os demais centros educativos de Galicia a que leven adiante iniciativas semellantes.
A académica de número Fina Casalderrey interveu na celebración en representación da Real Academia Galega. Tamén tomaron a palabra Antón Santamarina, en representación do Museo do Pobo Galego, e Francisco San Xiao, en nome da Fundación Antonio Fraguas Fraguas. Pechou o acto o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. Todos os asistentes asinaron no libro da constitución da nova Sociedade da Lingua e recibiron unha insignia inspirada no debuxo que acompañaba o documento das Regras e preceutos da creada en 1924.
A homenaxe incluíu ademais a inauguración dun mural xigante, na fachada do centro, coa imaxe de Antonio Fraguas formada por topónimos de Cotobade, a proxección dun audiovisual que conta a influencia que tiveron os mestres na vida de Antonio Fraguas e a representación por parte do alumnado, a xeito de romance de cego, da historia de Florentina, a moza de Loureiro de Cotobade que morreu de amor en 1857. Tras coñecer a súa historia a través de Fraguas, Castelao dedicoulle o segundo do libro de Cousas.