Señora Carme, cantareira, interpreta unha peza popular no documental
En virtude dun convenio asinado coa Real Academia Galega, a TVG produciu diversos espazos co obxectivo de espallar o coñecemento da nosa cultura. Ademais do proxecto Galicia letra a letra, a Televisión de Galicia emitiu, na sinalada data do 25 de xullo, o documental titulado Letras de Galicia.
Baixo a dirección de Xosé Manuel Vega, a reportaxe percorre a historia da literatura galega da man de membros da Academia que investigan e crean na nosa lingua. Canda eles, músicos coma Luís Emilio Batallán, Rosa Cedrón, Uxía Senlle ou Xavier Díaz interpretan a capela poemas antolóxicos das nosas letras.
Segundo declara Manuel Rivas no documental, "a literatura é a palabra en liberdade, a palabra que non pretende dominar". Para Xesús Alonso Montero, Cantares Gallegos é "o libro ao servizo da expresión das clases subalternas de Galicia nese momento", mentres que, en palabras de Xosé Ramón Barreiro, "Murguía é o grande arquitecto da nacionalidade galega".
Pódese visionar o documental nesta ligazón.