Coma as anteriores, estas novidades son posibles grazas ao proxecto conxunto coa Fundación Barrié, da man da cal a Academia mantén desde hai tres anos e medio o Portal das Palabras (portaldaspalabras.gal). Esta iniciativa para a modernización do traballo lexicográfico e difusión da nosa lingua tamén acubilla o Dicionario.
Desde hoxe, os usuarios que accedan ao Dicionario a través da páxina web da Academia poderán expoñer directamente dúbidas arredor dun termo ou propoñer actualizacións ao Seminario de Lexicografía da RAG premendo o botón "Axúdanos a mellorar", visible ao final de cada busca dunha palabra. Esta utilidade xa fora estreada con moi boa aceptación no Portal das Palabras o pasado mes de xuño e agora daralles tamén voz ás persoas que acceden ao Dicionario a través de academia.gal.
Outra importante mellora é a posibilidade de que cada persoa adapte o Dicionario ás súas preferencias en determinados aspectos, unha demanda reiterada sobre todo entre os profesionais que traballan decote coa lingua, en campos como o da tradución ou a escrita. Deste xeito, poderase configurar para desactivar o texto preditivo nas buscas, eliminar os exemplos ou visualizar as categorías gramaticais en forma abreviada. As últimas actualizacións deixan ademais a porta aberta a que outras entidades poidan incorporar o Dicionario da RAG ás súas páxinas webs.
Aplicacións para móbiles
A colaboración entre a Academia e a Fundación Barrié fai tamén posible ofrecer aplicacións do Dicionario para móbiles, tanto para Android como para iOS. O Dicionario recibe por esta vía unha media mensual de 66.250 consultas, procedentes duns 12.000 dispositivos.