O Dicionario alcanzou no ano que acaba de rematar desde academia.gal os 1.059.472 usuarios únicos, case 192.000 máis que os 867.555 de 2016. As persoas que cada día fan uso desta ferramenta poden acceder aos significados de máis de 56.000 termos tanto a través da páxina web da institución como do Portal das Palabras.
Ás máis de 20,5 millóns de consultas rexistradas desde ambas as webs en 2017 hai que engadir as case 2 millóns de visualizacións que sumaron as aplicacións para o Dicionario para Android e iOS, cunhas 70.000 descargas.
Un dicionario para o século XXI
Alén de resolverlles aos usuarios e usuarias dúbidas sobre o significado, a ortografía, o uso dunha palabra ou a conxugación dos verbos, o Dicionario da Real Academia Galega en liña permítelles unha utilización personalizada e interactiva que pretende facilitar a formación dunha comunidade dinámica e participativa composta polas persoas que envían á Academia propostas e comentarios. Unha das vías é a lapela "Axúdanos a mellorar", visible ao final da definición de cada termo. Outra das últimas novidades foi a incorporación da busca directa de termos na forma feminina, posta en marcha o pasado 8 de marzo, Día da Muller.
Cómpre lembrar tamén que as aplicacións do Dicionario para Android e iOS permiten acceder aos xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía en permanente actualización do Portal das Palabras.