Para os que hoxe teñen 45 ou menos anos, afeitos a encontraren gratis na Rede todo tipo de dicionarios, quizais lles resulte difícil imaxinar como en 1968 viviamos tan escasos de ferramentas lingüísticas galegas. Escasos, digo, e non faltos, porque xa estaba nas librerías o monumental Diccionario enciclopédico gallego-castellano de Eladio Rodríguez (Vigo, Galaxia; 3 tomos; 1958-1960-1961), porque o P. Crespo Pozo xa publicara tamén a Contribución a un vocabulario castellano-gallego con indicación de fuentes (Madrid: Revista "Estudios"; 1963), e porque Carballo Calero sacara en 1966 a súa Gramática elemental del gallego común (Vigo: Galaxia; 1966).
Estes libros daquela nas librerías non se poñían moito á vista. E o cobizado Diccionario de Eladio Rodríguez eran tres magníficos tomos, de lombo verde, inalcanzables para estudantes coma min. Pero O Eladio (como hoxe o denominamos coloquialmente) era de consulta en biblioteca. Para que cadaquén de nós puidese ter na súa casa un dicionario galego apareceu en 1968 o Diccionario galego-castelán que todos coñecemos tamén como O Franco Grande.
Sospeito que o meu caso non era único. O mercado galego dos anos sesenta, coa lingua aínda fóra da escola, non daba absorbido unha obra (O Eladio), da que hoxe sabemos que tería catro tomos, se Galaxia non lle fixera unha chapoda de material paremiolóxico e, sobre todo, de tecnicismos. Esta chapoda, aínda inédita pero ben localizada por Álvarez de la Granja e González Seoane, oculta un dato esencial: Eladio Rodríguez non fixo, aínda que o parece, un dicionario de galego rural e mariñeiro senón tamén de galego urbano e técnico: a súa visión era a dun normalizador da lingua galega nunha sociedade galega moderna e crecentemente urbana.
Galaxia deixou inédita esta parte do manuscrito orixinal pero engadiu, en cambio, un apéndice de 112 páxinas con voces recollidas posteriormente por investigadores novos. Pero unha cousa é editar e outra é vender. Os números das vendas son teimudos e impoñen a súa lei e quizais esa foi a razón de que Galaxia encomendase a Franco Grande a elaboración dun dicionario manual, algo máis manexable e barato có voluminoso Eladio. A encomenda era difícil. Se eu tivese que afrontar esa encomenda, non sabería cumprila.
Pero Franco Grande impúxose criterios estritos. Prescindiu de tódalas voces galegas que eran idénticas no castelán, por seren os dous idiomas neolatinos e en constante interacción. Acentuando o criterio xa practicado por Galaxia na redución do orixinal d'O Eladio a tres tomos, conseguiu reduci-las 52.000 entradas a case 42.000, que nas reedicións posteriores rondaron as 46.000. Pero ben se ve que iso pouco volume lle quitaba. Reduciu o tamaño da letra. Pero tampouco. Tivo que practicar dúas podas máis severas.
Prescindiu da extensa información enciclopédica que enriquece O Eladio: lembremos que con esa información de carácter enciclopédico Camilo F. Valdeorras compuxo un libro interesante que se titulou Breviario enciclopédico "Don Eladio". Letras, historias e tradicións populares de Galicia, un libro de máis de 200 páxinas que editou La Voz de Galicia o 17.5.2001. Aquí si, Franco Grande aforrou moitas páxinas.
A terceira chapoda fíxoa no material fraseolóxico e paremiolóxico co que Eladio Rodríguez exemplifica os usos das palabras que define: e neste caso podo lembrar que a simple ordenación ideolóxica dos refráns d'O Eladio permitiume en 1987 presentar un Refraneiro galego básico de case 600 páxinas. Neste caso Franco Grande reduciu as 12.500 entradas fraseolóxicas e as 12.000 paremiolóxicas a unhas 3.200 e 300 respectivamente. Pero aquí, coma na chapoda léxica, non todo foi reducir, porque hai novidades. Por exemplo, e referíndome só ás primeiras páxinas, exclúe preferentemente o que é igual en castelán (en Eladio, coma tal, aparecen a corpo de rei, á curta ou á larga que Franco Grande omite; e tamén a gatas [só admite a/de gatiñas]) e, en cambio, introduce á balroa [estaba no apend. de Eladio], a bodón, á boria, a carros, a carroulós (A.O.), á coleira, á escurada [s.v. ardora], que non están no Eladio. Incluso reserva algúns fraseoloxismos para ofrecelos no apéndice castelán-galego, como a bao [s.v. porrillo], á barata [s.v. orden], a fartar [s.v. generosamente]. Aínda que en certos casos fai que a locución sexa cabeza dun lema (á baqueta, a barrer, a ben, a berros), o habitual é que os inclúa no corpo da entrada despois da definición da palabra principal.
Estas tres chapodas reduciron moito volume e converteron o novo dicionario nunha ferramenta breve, azosa e nova; e aínda lle permitiu incorporar algunha novidade léxica de última hora.
Este esforzo de síntese quizais explica que O Franco Grande tivese oito edicións (seis delas antes da chegada da autonomía), cifras que son relevantes para unha lingua á que aínda lle franquearía a porta das escolas dous anos despois (1970) a Lei Villar Palasí, na que tanto traballaron Filgueira e Rosón. Foi o dicionario pensado para entrar nas aulas e así o saudou Carballo Calero en Grial (23, 1969; 123-124) dicindo:
Se a edición do Diccionario enciclopédico [de Eladio Rodríguez] continúa xustificada, e permanez insustituibre de momento como obra de consulta, esta edición do Diccionario manual ten de ser acollida con grande sadisfaición polos moitos que viñan arelando un estormento didáctico que facilitara o estudo do galego.
Carballo Calero considera que ofrecer tamaño caudal léxico nun libro manual constitúi un problema editorial felizmente resolto, […] e engade que esta obra compre […] a finalidade urxente para a que foi concebida e facilitará certamente o traballo dos estudantes e dos profesores de galego.
E así foi. Cando os dicionarios previos se construían acumulando novas voces sobre o que xa anotaran dicionarios anteriores, Franco Grande fixo o contrario: escolmou neles o que considerou relevante e diferencial en función dun obxectivo escolar e pedagóxico. En vez de ampliar, reduciu. E este esforzo de síntese tamén axudou a que O Franco Grande fose compañeiro inseparable da nova didáctica e dos novos filólogos galegos. As súas oito edicións teñen manifesto significado sociolóxico: froito dunha necesidade, O Franco Grande axudou no seu tempo a crea-lo que temos hoxe.
Hoxe, no 2016, non só temos dicionarios grandes, en papel e na Rede, elaborados con boa técnica lexicográfica; temos esa marabillosa ferramenta informática que é o Dicionario de dicionarios, creado por Antón Santamarina, que nos permite consultar e comparar de maneira cómoda, rápida e gratuíta 31 dicionarios galegos, que van de 1746 a 1992 e que suman case 400.000 lemas; están en marcha para a nosa lingua proxectos lexicográficos á altura das mellores linguas de Europa. E se hoxe alguén tivese que facer algo semellante nos dicionarios recentes, podería seleccionar informaticamente con criterios de frecuencia de uso oral, ou escrito, ou xeográfico. Nada disto tiñamos hai 48 anos. Nada disto era asequible para o galego dos anos sesenta. O Franco Grande é coma un coche dos anos sesenta, un vehículo histórico que aínda hoxe garda o seu encanto, aínda que xa teñamos outros máis amplos, rápidos e seguros.
Tódolos libros son debedores doutros libros que, adiantándose no tempo, abriron camiño. O exemplar d'O Franco Grande que hai na nosa casa está todo escalazado, perdeu a cuberta, ten as primeiras e derradeiras páxinas esfoladas e non poucas delas escritas con notas persoais: proba inequívoca de que tivo uso intenso. Os libros que nos marcan, os que agradecemos, os bos libros son os libros ben sobados. Benia os precursores.