O diálogo de Xela Arias con outras artes e o seu labor como tradutora e editora pechan o simposio das Letras Galegas 2021

A Real Academia Galega clausura este xoves, 25 de novembro, o Simposio Xela Arias cun programa centrado no diálogo da poeta con outras artes e o seu labor como editora e tradutora. A terceira e derradeira xornada, de entrada libre, desenvolverase a partir das 18:00 horas no salón de actos da institución (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) e poderá seguirse tamén en directo dende esta páxina web e a través da súa canle de Youtube

O papel da protagonista do Día das Letras Galegas 2021 como pioneira da edición profesional na Galicia dos anos 80 será abordado por Manuel Bragado, director durante vinte e catro anos de Edicións Xerais de Galicia, o selo no que Xela Arias desenvolveu a súa carreira como editora. No mundo do libro a escritora tamén traduciu, para Xerais e outras editoriais, tanto solitario como canda outras tradutoras e tradutores, a autores como Jorge Amado, Camilo Castelo Branco,  Joyce ou Bram Stoker. Neste labor afondará a profesora da Universidade de Vigo Ana Alonso nunha mesa, moderada pola editora Belén López Vázquez, que pechará a xornalista Belén López Rodríguez cunha aproximación ao interese de Xela Arias por conectar a poesía con outras artes.

A partir das 19:30 horas, a xornalista María Yáñez presentará a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada, cuxo guión asina. A serie web, de seis capítulos, é a primeira deste tipo producida pola Real Academia Galega, que lle encargou a realización á produtora Miramemira.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, clausurará o encontro, que conta co apoio da Xunta de Galicia, ás 19:45 horas.

O Simposio Xela Arias arrincou o pasado 11 de novembro cunha xornada con tres relatorios dedicados á vida e ao compromiso sociocultural da autora a cargo do seu fillo, Darío Gil Arias, e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias e a escritora Marga do Val, amigas da homenaxeada. Trouxo tamén palabras dedicadas a Xela Arias do académico Darío Xohán Cabana só días antes do seu pasamento, e que se escoitaron no encontro na voz da académica Marilar Aleixxandre; e concluíu cun recital protagonizado polas poetas Yolanda Castaño, Emma Pedreira e Dores Tembrás xunto a Darío Gil Arias e Marga do Val.

Na xornada do 18 de novembro profundouse na voz poética da protagonista das Letras Galegas 2021 da man de dúas poetas de distintas xeracións, a académica Chus Pato e Alba Cid, e da crítica literaria María Xesús Nogueira, nunha mesa moderada pola escritora e tradutora Mercedes Leobalde. O serán rematou coa actuación musical da Banda da Loba, que no seu último disco, Hasme oír, converteu en cancións poemas da homenaxeada.