O Día das Letras Galegas de 2017 estará dedicado a Carlos Casares

O Plenario da Real Academia Galega, reunido esta mañá en sesión ordinaria, acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2017 a Carlos Casares Mouriño. Na mesma sesión nomeouse académica numeraria electa a María Pilar Jiménez Aleixandre (Marilar Aleixandre) e oficializáronse as propostas de María Xesús Pato Díaz (Chus Pato) para ocupar a vacante de número producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro e a de Clodio González Pérez como académico correspondente.
Carlos Casares

 

Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares Mouriño (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Prosista en distintos xéneros, o humor e a sinxeleza e a claridade no tratamento dos temas que lle afectan ao mundo actual constitúen os trazos máis característicos do seu estilo narrativo e ensaístico, que lle reportou un gran recoñecemento do público e da crítica.

Alén do seu talento literario, Casares foi un intelectual de relevo extraordinario que destacou tamén pola súa implicación na vida cultural, social e institucional do país e por unha laboriosidade incansable, ao tempo intelixente e reflexiva, e sempre cun compromiso inequívoco coa lingua galega.

A Real Academia Galega considera que a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra, que incluíu a literatura infantil, o xornalismo e o ensaio, converten a Carlos Casares nun escritor especialmente idóneo para protagonizar a celebración das Letras Galegas de 2017. Con toda seguranza, reforzará o prestixio das nosas lingua e literatura non soamente entre o público escolar e estudantil en xeral, senón entre o gran público lector, que xa celebrou en vida a súa espléndida obra literaria.

Carlos Casares naceu en 1941 en Ourense e desde os 3 anos pasou a súa infancia en Xinzo de Limia. A súa vocación literaria empezou a se manifestar xa na adolescencia, cando gañou un premio que lle permitiu coñecer a Vicente Risco. Xa na etapa universitaria, na que se especializou en Filoloxía Románica en Santiago de Compostela, entrou en contacto co núcleo da cultura galega antifranquista mentres continuaba a cultivar o seu perfil literario. En 1967 publicou a súa primeira obra, o libro de relatos Vento ferido, dentro da colección Illa Nova de Galaxia, e pouco despois converteuse nun pioneiro da literatura infantil en galego: en 1968 gañou co relato A galiña azul o I Concurso de Contos Infantís da Asociación Cultural O Facho e en 1973, o I Concurso de Teatro Infantil da mesma entidade con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas.

En 1975, Xoguetes para un tempo prohibido reportoulle o Premio Galaxia e o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Casares era xa a esa altura unha das voces emerxentes máis renovadoras e significativas da nosa narrativa, recoñecida en 1978 co seu ingreso na Real Academia Galega, onde foi o membro de número máis novo.

Nos anos da transición e do comezo da democracia, participou activamente na reivindicación autonómica e como parlamentario independente nas listas do PSdeG-PSOE traballou arreo para sacar adiante a Lei de Normalización Lingüística (1983). Rematada a primeira lexislatura da autonomía, centrou o seu traballo no eido cultural como director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e, máis adiante, tamén como presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002).

Malia os seus múltiples compromisos, Casares non abandonou nunca a escrita e seguiu a publicar obras con moi boa acollida do público, como a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), as novelas Ilustrísima, Premio da Crítica Galega de 1982; Os mortos daquel verán (1987), Premio Antón Losada Diéguez; e Deus sentado nun sillón azul (1996), Premio da Crítica Española de 1997 e finalista do Premio Nacional de Narrativa de 1998; ou O sol de verán, publicada postumamente en 2002 e Premio da Crítica dese ano.

Cómpre así mesmo salientar o seu labor como articulista en distintas cabeceiras, que chegou a contar cun amplísimo e fiel público e merecente dunha morea de distincións, entre eles os premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e xa a título póstumo o Roberto Blanco Torres (2002).

Marilar Aleixandre, académica de número electa
No Pleno de hoxe tamén foi elixida académica de número electa María Pilar Jiménez Aleixandre (Madrid, 1947) para ocupar a vacante producida polo pasamento, o pasado 27 de novembro, de Xosé Neira Vilas. Coñecida como Marilar Aleixandre, é escritora e catedrática de Didácticas das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago de Compostela.

Como escritora, a obra de Marilar Aleixandre está traducida ao portugués, castelán, catalán e éuscaro, e foi recollida en antoloxías en inglés. Recibiu ademais numerosos premios tanto por obras dos distintos xéneros que cultiva (poesía, narrativa de adultos e narrativa infantil e xuvenil) como polo conxunto da súa carreira.

Como bióloga e experta en educación, foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. Na actualidade, a súa liña de investigación é a argumentación, o uso de probas e o pensamento crítico no ensino das ciencias, mediante análise do discurso. Neste campo é autora dalgúns dos artigos máis citados internacionalmente sobre o tema.

Chus Pato
Na xuntanza do Pleno tamén se oficializou a proposta de María Xesús Pato Díaz (Ourense, 1955), coñecida como Chus Pato, para cubrir a vacante producida polo pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, falecido o pasado 16 de decembro. A candidatura da poeta someterase a votación no vindeiro Pleno.

A de Chus Pato é desde os anos 80 unha das voces poéticas máis vangardistas e persoais da literatura contemporánea. A súa obra, rupturista cos modelos tradicionais de poesía, desenvolve unha temática caracterizada por un ton reivindicativo e de denuncia social, na que a mirada feminista ten unha importancia especial, e incide no expresionismo culturalista clasicista.

Chus Pato publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Parte da súa obra pode lerse en distintas revistas (Luzes de Galicia, Festa da palabra silenciada, Andaina, Gume, Dorna, Clave Orión...) e libros colectivos e antoloxías. Urania (1991) foi o seu primeiro libro de poemas, ao que seguiron Heloísa (1994), Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive, co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu tamén o Premio Nacional da Crítica por Hordas de escritura, obra coa que ademais volveu gañar o Losada Diéguez, e en 2013 foi recoñecida co Premio da Irmandades de Libreiros como mellor autora do ano por Carne de Leviatán.

A súa obra foi traducida a diferentes idiomas e desde 2015 os versos de Secesión lidos na súa propia voz son os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Poetry Room de Harvard.