Todas as persoas de Galicia teñen dereito a vivir en galego, a expresarse na súa lingua en todos os ámbitos da súa vida. Parte deste dereito é o de empregar os seus apelidos nas súas formas en galego. Moitos destes apelidos sufriron un proceso de castelanización ao longo dos séculos en que o castelán foi a única lingua oficial e, por tanto, a única empregada na documentación escrita. Na actualidade, a lexislación española permite aos cidadáns e cidadás a restauración da forma galega correcta e actualizada dos seus apelidos. A Lei 40/1999 do 5 de novembro (BOE 266, 6/11/1999) autoriza a "regularizalos ortograficamente cando a forma inscrita no Rexistro non se adecúe á gramática e fonética da lingua española correspondente".
A Real Academia Galega, como entidade legalmente intitulada para fixar a forma correcta das palabras, vén emitindo desde hai décadas centos de ditames, en resposta á solicitude de milleiros de persoas que desexan restituír a forma galega correcta dos seus apelidos. Habitualmente, este trámite realízase sen maiores complicacións pero, lamentablemente, en contadas ocasións dáse o caso de que algúns funcionarios de rexistros civís ou xulgados poñen obxeccións de distinto teor, sempre carentes de fundamento obxectivo, obstaculizando o exercicio deste dereito. É por isto que a Real Academia Galega se ve na obriga de lembrar que a restauración dos apelidos ao galego é un dereito que non pode ser ignorado por ningunha instancia burocrática.
Incumpre, pois, a normativa legal o Rexistro Civil de Corcubión ao denegar a galeguización do apelido Rey á forma galega Rei. Non se atende neste caso ao ditame da RAG, achegado pola solicitante, no que se demostra que Rei é "a única forma adecuada á gramática e á fonética do galego para este apelido". Neste caso, o argumento esgrimido para a denegación é que a forma Rey pertence "ao acervo nacional", argumento que se sitúa no ámbito das opinións ideolóxicas particulares e non ten base nin científica nin legal.
A RAG acaba de publicar unha listaxe de formas galegas correctas dos apelidos máis frecuentes en Galicia coas correspondentes formas deturpadas e castelanizadas, en que figura o apelido Rei. Ademais, por solicitude da persoa interesada neste caso concreto, emitiu o que é o terceiro ditame –baseado nos informes do Seminario de Onomástica, e dispoñible nesta ligazón– sobre este apelido. O feito de que outras persoas galeguizaran anteriormente o apelido Rei en distintos xulgados e rexistros civís de Galicia mostra a coherencia coa lexislación vixente.
A Real Academia Galega insta, pois, ao Rexistro Civil de Corcubión a aceptar a petición da solicitante, restituíndo o apelido á súa forma galega correcta. E aproveita a ocasión para lembrar aos funcionarios e funcionarias con competencias neste asunto, que a legalidade ampara as persoas que desexan regularizar os seus apelidos conforme a norma actual do idioma galego. Galeguizar, como indicou a RAG noutras ocasións, non é traducir, é restituír a onomástica galega á súa forma orixinal.
A Coruña, 3 de abril de 2017