Os académicos Ramón Lorenzo, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre recitaron versos do homenaxeado canda Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participaron no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), quen tiña previsto participar nesta homenaxe posposta pola pandemia; e o trío Gelria púxolle música a esta festa poética organizada pola RAG co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu o programa xunto ao alcalde do municipio, Juan González Pérez. Foi un encontro para celebrar a figura de Bernardino Graña e a súa obra, «un universo autónomo, construído de tradicións e palabras, e no que nos recoñecemos», salientou o presidente da Academia, que puxo tamén o acento no seu vínculo co mar das Rías Baixas que o viu nacer, tan presente en títulos como Profecía do mar (1966), Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980) ou Sen sombra e sen amor (2004). «Nesta festa que nos convoca celebramos o mar e a súa profecía, reivindicación do mundo que non queremos deixar que se estrague, pois forma parte da nosa memoria do que somos e do que queremos transmitir aos que veñan despois», engadiu Víctor F. Freixanes.
O herdo do amor pola literatura
A gabanza de Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero, compañeiro de pupitre no ano 1943, cando os dous preparaban o ingreso de bacharelato no colexio Academos de Ribadavia. Alí o pai do homenaxeado impartía clases cun maxisterio ao que Alonso Montero dixo deberlle a súa decidida inclinación ás letras. E con só 11 anos, Bernardino Graña fillo «xa preludiaba o discurso orixinal e moi pouco convencional co que nos asombraría, a partir de 1958, coa súa obra literaria, nomeadamente coa poética». Unha produción que tamén ten unha gran débeda co proxenitor e mestre, quen lle aprendeu o amor polos libros e mais «a disciplina de escritor xuntamente coa sensibilidade, o gusto, a cultura literaria, a busca da palabra», deixou dito o propio autor no seu discurso de ingreso na RAG.
El é, proseguiu Alonso Montero, un creador de «musa plural» que vai do existencialismo inicial á poesía civil, «pasando polas súas grandes páxinas telúricas e outras, entre elas certos poemas infantís, en versión máis ou menos subversiva, como os que compoñen Tres vellas fábulas novas». O profesor tamén se referiu a Profecía do mar como un dos seus títulos imprescindibles. «Nese libro figura o celebérrimo poema “O gato da tasca mariñeira”, sobre o que Fernando Lázaro Carreter, un sabio filólogo, me escribiu unha carta ateigada de gabanzas e agudas observacións», compartiu. Estes versos soaron na homenaxe interpretados musicalmente por Gelria e mais, na parte dos recitados, por Ramón Lorenzo, un dos mozos galeguistas cos que Bernardino Graña compartiu experiencias e arelas no Grupo Brais Pinto no Madrid de finais dos anos 50.
O artista Reimundo Patiño (1936-1985), outro membro deste colectivo, estivo dalgún xeito igualmente presente na homenaxe, a través do poema “Oda mariña ás forzas de Patiño e Jackson Pollock”, escolmado por Elvira Ribeiro Tobío e lido por Marilar Aleixandre; e tamén o académico Xosé Luís Franco Grande, quen deixou escrita unha lembranza de Bernardino Graña para a plaquette desta celebración adiada dende 2020. Nela recorda o outono de 1954, o ano no que se coñeceron, aínda que xa escribían dende tempo atrás. Daquela Bernardino Graña xa era un poeta coñecido, porque publicaba na revista Alba e gañara o primeiro premio das anovadas Festas Minervais, e o mar era xa «sempre tema de conversa».
Case sete décadas despois, segue a deixar pegada nos lectores e lectoras e nas xeracións de poetas que o suceden, bebendo tamén da súa ollada mariña. «A visión telúrica do océano Atlántico que irradia con forza en Profecía do mar marcoume intensamente naquelas primeira lecturas da adolescencia e influíu notablemente no meu primeiro libro», confesou Lucía Novas, que escolleu para a ocasión o poema “Para a morte de Mark Tobey namentres baño os pés no mar”.
Da poesía á literatura infantil e a novela e o teatro
Alén da poesía, a produción literaria de Bernardino Graña, recoñecida con numerosos galardóns, abrangue tamén o teatro e a narrativa para o público adulto, dende os relatos de Fins do mundo (1973) á súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2005) -gañadora do Premio Eixo Atlántico-, A fuga a Exipto (2016) ou os contos reunidos n’Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020).
Pero como narrador ten publicado sobre todo obras dirixidas ao público infantil, máis dunha vintena de volumes dende que se fixera co premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho con O león e o paxaro rebelde (Galaxia, 1969).
Membro da Real Academia Galega dende o ano 2010, o escritor ingresou na institución, nun acto celebrado en Cangas do Morrazo, cun discurso titulado Contos populares e Rosalía.