A Sección de Literatura da Real Academia Galega dedicaralle o vindeiro Día da Poesía a Luis Seoane. A fundación creada para o estudo da obra do artista e escritor (rúa San Francisco, 27 – A Coruña) acollerá o xoves 27 de marzo ás 19:00 horas un acto arredor do seu universo creativo cunha ollada interdisciplinaria. En diálogo coa súa produción, contará coas intervencións de Xesús Fraga, Helena González, Carlos Negro, Alba Cid, Anxo Angueira, Oriana Méndez, Baldo Ramos e María do Cebreiro. A parte musical correrá a cargo de Tino Baz.
Abrirán a celebración o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica María López-Sández, coordinadora da edición que recolle todas as contribucións baixo o título Luis Seoane. Unha ollada interartística desde o exilio e o compromiso. O público asistente será obsequiado coa plaquette, que poderá descargarse ademais na sección de publicacións de academia.gal.
O acto da RAG co gallo do Día da Poesía é de entrada libre e poderá seguirse en directo desde academia.gal.