A terra foi sempre parte esencial dese “orgullo dunha estirpe de labradores e artesáns” que o escritor adoitaba proclamar como materia da súa obra, lembra a súa amiga e secretaria da RAG, Margarita Ledo, na loanza que escribiu para a ocasión. Un orgullo que “latexa tamén na teimosía do tradutor que anosou Dante, Petrarca, os trobadores da Occitania, Diderot...”, engade no texto, que pode lerse na plaquette titulada precisamente Estirpe de labradores. O volume reúne todos os versos do autor que se recitaron este xoves na Fundación Luis Seoane e as demais palabras dedicadas a Darío Xohán Cabana de quen as escolmaron.
A homenaxe, organizada pola Sección de Literatura da RAG co apoio da Deputación da Coruña, foi conducida pola académica Ana Romaní. "A voz rotunda, fiel e clara de Darío Xohán Cabana é a que hoxe nos convoca e celebramos, a que honramos e lembramos, a que quereriamos volver escoitar entre nós. Por iso buscamos o poema para dar forma a esta ausencia e a esta homenaxe", expresou a poeta e xornalista.
O acto contou tamén coas intervencións das académicas Chus Pato e Marilar Aleixandre, e de Xoán Ramiro Cuba, Pepe Barro, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo e Anxo Angueira no recitado de versos. Interveu ademais a tradutora María Alonso Seisdedos, quen retratou o Darío Xohán Cabana que trouxo ao galego grandes clásicos, un labor no que sobresae a “excelsa versión” que deixou da Divina comedia de Dante, composta por cen cantos de estrofas de tres versos hendecasílabos. “Canto máis a consulto, máis aumenta a miña admiración polo dominio e a arte coa que desempeñou o oficio que compartimos”, confesou.
A parte musical achegouna o poeta e músico lugués Lois Pérez, que interpretou os poemas “Cantiga de amigo pra facer o camiño”, “Vocabulario chairego” e “Pedras de gozo”.
Amor á lingua e ó proletariado
Darío Xohán Cabana foi “amor definitivo á lingua, á tribo, á nación, ó proletariado da cidade, do mar e do campo, a seus amigos e ós seus, a nosoutros e nosoutras”, retratou Alexandra Cabana Outeiro. Margarita Ledo incidiu tamén na importancia que o escritor lle deu sempre á amizade e ao compromiso co país e coa súa xente. A académica evocou, entre outros momentos, os anos de mocidade, “de descuberta da nación canda a lingua, e de partilla dunha casa”, a de Manuel María e Saleta Goy; e as viaxes en furgoneta por toda Galicia en 1971 para venderen, en festas e feiras, os “libros do pobo pra o pobo” da colección O Moucho da editorial Castrelos que creara Xosé María Álvarez Blázquez.
Os recitados comezaron con “Terra”, d’O tempo que se foi na voz de Chus Pato, que escolleu esta composición publicada en 1973 porque lle permite “un contacto directo co meniño que é e non é Darío Xohán Cabana”. “É o Darío na medida na que a súa biografía é captada pola lingua e transformada en poema”, comentou. Pepe Barro elixiu a lectura da “Carta do pai”, unha misiva enviada ao escritor polo seu proxenitor dende Suíza en 1972, e editada un anos despois en Noticias dunha aldea; Xoán Ramiro Cuba, “Hora da morte”, un “poema premonitorio” que o autor escribiu cando aínda non fixera os trinta anos; e Marilar Aleixandre, “Antioquía”, “un canto de resistencia” de quen sabía que “perderemos batallas” pero que “é necesario loitar polas causas perdidas”.
“Se auga en tránsito son estes cadoiros” soou na voz de Xosé María Álvarez Cáccamo, para quen este soneto revela “o maxisterio do oficio expresivo e construtivo” de Darío Xohán Cabana; Marica Campo recitou “Invocación a Rosalía”, un poema no que dialoga coa escritora fundacional das letras galegas contemporáneas, “o que equivale a dicir que se recoñece nela e que recolle a súa bandeira”; e Anxo Angueira declamou “A sombra”, poesía que lle dedicou o propio Darío e que leva impresa nas súas entrañas, dixo.
Un autor prolífico
Darío Xohán Cabana, unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas, cultivou case todos os xéneros en máis de corenta títulos dirixidos tanto ao público adulto coma ao máis novo. Entre eles sobresaen obras como Galván en Saor (1989), un dos grandes éxitos da narrativa galega das últimas décadas, pero comezou a súa traxectoria literaria como poeta. En 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas, Home e terra, na colección Val de Lemos de Ediciós Xistral, dirixida polo tamén chairego Manuel María. Ese mesmo ano autoeditou Verbas a un irmao e tres máis tarde vería a luz Romanceiro da Terra Chá na colección Pico Sagro da editorial Castrelos, dirixida por outro dos seus referentes, Xosé María Álvarez Blázquez, para quen traballou nese selo editorial vigués entre 1971 e 1975.
No legado poético do autor conviven o contido social e as vivencias máis persoais, mentres que na forma Darío Xohán Cabana sempre se caracterizou polo seu gusto polos versos clásicos, dende os máis populares de Romanceiro da Terra Chá aos sonetos de Patria do mar. Con este último libro acadou no ano 1983 o Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago de Compostela, que volveu gañar en 1986 con Amor e tempo liso. Os premios Cidade de Ourense, Cidade de Lugo ou o Martín Codax son outros galardóns que recibiu como poeta por títulos como A fraga amurallada, VIII fragmentos, Vidas senlleiras e Canta de cerca a morte (1994). Cabalgada na brétema, saído do prelo en 2006, foi o seu último libro de poesía editado. Un libro-manifesto, observa Margarita Ledo , no que está todo, conclúe Víctor F. Freixanes no limiar de Estirpe de labradores.