O Culturgal dálles a benvida ás Letras Galegas das cantareiras

As cantareiras foron as protagonistas da clausura da décimo sexta edición do Culturgal. A Real Academia Galega e a Feira das Culturas Galegas coorganizaron unha celebración de presentación das Letras Galegas 2025, dedicadas á poesía popular oral e ás mulleres que a crearon e a transmitiron ao longo dos séculos. A través delas, a lingua será un elemento central da vindeira edición da gran festa da cultura galega, salientaron o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, e a académica de número Ana Boullón, unha das súas promotoras. O acto contou coas autoras do volume Somos Pandeireteiras –que recolle as reflexións compartidas no encontro que deu lugar á asociación do mesmo nome– e concluíu cunha actuación de Bouba Pandeireteiras, de Tordoia.

1/11

“Para nós vai ser un acto especialmente fermoso porque se darán a man a vella tradición das mulleres que mantiveron vivo o alento do país, o alento da lingua, e as novas xeracións que agora están recreando ese legado dunha maneira distinta, enchendo o país de alegría e entusiasmo”, expresou Víctor F. Freixanes. “O que pretendemos con esta elección é recoñecer o labor das mulleres na transmisión da literatura e da lingua. Será un ano para a lingua, para a literatura e para a música. Un ano de celebración porque hai continuidade nas novas formas da xente nova. O noso non é un folclore fosilizado, segue vivo”, engadiu a académica Ana Boullón na apertura do acto.

A Real Academia Galega decidiu o pasado mes de xullo dedicarlle o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral personificada en Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Esta candidatura múltiple reflicte a coralidade da propia creación da poesía popular oral e a súa interpretación acompañada da pandeireta. “Non importa a voz, importan as voces”, enfatizou a académica Ana Romaní, unha das autoras de Somos pandeireteiras, que Xerais levará proximamente ás librarías. 

A poeta e xornalista foi unha das convidadas por Mercedes Peón a relatar a experiencia do encontro que reuniu, no ano 2021, a máis de setenta tocadoras arredor do proxecto homónimo, concibido para que sexan elas mesmas as que creen o seu propio relato. “Quixemos xuntarnos para entender e facer as nosas propias narrativas, que non as fagan por nós”, resumiu a pandeireteira, compositora e investigadora. 

A nova narrativa das cantareiras debe escribirse –considerou María Reimóndez– dende unha “visión crítica” e afastada de “visións folclorizantes”, na que as protagonistas saian do palco e volvan “utilizar o toque e o baile para socializar, pasalo ben e gozar”, engadiu Susana S. Arins. Andrea Nunes Brións puxo pola súa banda o acento no “transgresor que é coller unha pandeireta” e rematou o coloquio recitando un poema da súa autoría dedicado a Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que recolleu o Cancioneiro popular galego coa colaboración do académico Antón Santamarina.

A encargada de guiar a conversa foi a xornalista e tocadora Selina Otero, quen participa nas páxinas de Somos pandeireteiras coa entrevista a Ermitas de Anxelo e Carmen de Lema, dúas veteranas cantareiras de Malpica de Bergantiños. O serán contou ademais coas intervencións de Ana Fernández, Mar Suárez e Gisela Sanmartín, parte tamén da asociación de tocadoras.

A Real Academia Galega e o Culturgal organizaron esta actividade co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou canda o presidente da RAG e a académica Ana Boullón na apertura do acto.