O CPI Ramón Piñeiro de Láncara, primeiro centro en recibir a campaña Toponimízate en 2024

A campaña da Real Academia Galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra visita o seu primeiro centro de ensino nesta campaña 2024. Será o CPI Ramón Piñeiro de Láncara este mesmo venres 20 en dúas sesións nas que participará todo o alumnado de secundaria do centro e os familiares que estes conviden.

O acto, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, será presentado por Carlos Carballo Sieiro, director do centro, e por Alba Sangil de Andrés, concelleira de Desenvolvemento Local, Cultura, Deporte, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Novas Tecnoloxías.

Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica, será o encargado de ofrecer o relatorio que terá como principal obxectivo sumar o centro e o seu alumnado ás ducias de institucións educativas que inclúen Galicia Nomeada no seu proxecto ou nas súas actividades docentes. Un deles, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, con máis de 1500 achegas toponímicas, figura entre os dez usuarios que máis topónimos engadiron desde a posta en marcha da plataforma colaborativa.

A charla estará adaptada ao perfil do alumnado, mais mantendo as liñas básicas da campaña Toponimízate. Así, as rapazas e os rapaces coñecerán o importante papel que xoga a toponimia na nosa vida cotiá e tamén aprenderán como usar a aplicación Galicia Nomeada para participar na recolleita e xeorreferenciación de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de se perder.

Por último, Vicente Feijoo explicaralle a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Neste bloque final da charla, descubrirán topónimos curiosos do seu concello, como Toldaos, cuxa existencia pode deberse aos movementos migratorios que, na Idade Media, levarían ata Láncara a un grupo de persoas procedentes de Toledo, o que propiciou a aparición do nome. Esta parte da charla conta co apoio na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.