O congreso será inaugurado o luns 25 de outubro ás 9:00 horas polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a vicerreitora de Cultura da USC, Mar Lorenzo Moledo; o presidente do comité organizador, o académico correspondente e catedrático emérito da USC José Manuel González Herrán; e representantes da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, institucións patrocinadoras do encontro.
O catedrático emérito de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e académico da RAE, Darío Villanueva, será o encargado, a partir das 9:30 horas, de pronunciar o relatorio de apertura, no que repasará a memoria da autora homenaxeada. A continuación a académica de honra e catedrática de Literatura da Universidade Complutense Marina Mayoral analizará o manexo da escritora do recurso da impersonalidade literaria. A mañá rematará cunha ollada a Pardo Bazán a través da prensa do seu tempo da man de Enrique Rubio Cremades (Universidade de Alacant) e unha indagación nas fontes de dous relatos da autora, “Agravante” e “La hierba milagrosa” de Ángeles Ezama Gil (Universidade de Zaragoza). O programa retomarase pola tarde con seis comunicacións e concluirá cunha ruta dramatizada por Marineda, a cidade da Coruña á que Pardo Bazán deu unha nova vida na súa obra.
Jo Labanyi (New York University), Marisa Sotelo (Universidade de Barcelona), Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty), Ana Freire (UNED), o académico e historiador Ramón Villares, a académica Marilar Aleixandre ou Isabel Burdiel (Universitat de València), autora da gran biografía sobre Emilia Pardo Bazán, entre outros especialistas, son tamén parte dos protagonistas do congreso que achegará distintas perspectivas arredor da vida e da obra da autora.
Tras as tres primeiras xornadas na sede da Real Academia Galega, a USC acollerá o xoves 28 de outubro unha serie de sesións centradas na curiosidade científica de Pardo Bazán con relatorios a cargo de José Manuel González Herrán, o académico Francisco Díaz-Fierros, e os profesores da USC Ana María González Noya e Andrés Díaz Pazos, entre outros investigadores. A xornada que se desenvolverá o 29 de outubro no Consello da Cultura Galega, coa colaboración da Sección de Historia da Academia, centrarase na ollada de xénero da autora e arrincará cunha conferencia de Isabel Burdiel sobre o feminismo de Pardo Bazán en perspectiva histórica. Jo Labanyi, María Xosé Porteiro, Marilar Aleixandre, Mónica Bar Cendón e Pura Fernández completarán a ollada de xénero dun programa no que tamén se profundará na relación da autora homenaxeada coa Galicia do seu tempo.