“Aconteceu a traxedia dunha vida roubada pero tivemos a sorte de contar cos seus pensamentos e o seu traballo. Luísa aportou e seguirá aportando moito en todos os ámbitos da cultura. O coñecemento da súa obra é enriquecedor para nós e para as xeracións vindeiras”, expresa Susana Villalta. “A parte filosófica na súa produción literaria é moi importante, coido que non a destacou aínda case ninguén como merece. Ela era unha persoa profunda e moi culta, gustáballe moito transmitir o seu pensamento, un pensamento elaborado, avanzado para a súa época e perenne, preocupado pola dimensión social. A súa obra ten un trasfondo que fai pensar sobre o sentido da vida e reflicte a maneira que ela tiña de vela”, valora.
A ollada feminista é nesta liña outro trazo característico da autora que nai e irmá recoñecen por igual na vida e na obra. “Se ti non me ves / non é erro meu ”, recita Susana. “Vese en versos coma estes, que quizais agora sorprendan menos, pero escritos hai xa máis de vinte anos, cando a expresión deste tipo de ideas non era tan común. Na súa vida sempre fixo o que quixo facer como muller, fóra dos clixés predominantes no seu tempo”, advirte. Esta defensa da igualdade entre o home e a muller forma parte en último termo -engade- do sentido da xustiza e da ética que tanto a caracterizaba, e que puña por riba da comodidade, implicándose tamén no coidado do medio ambiente ou na promoción da cultura.
Os dous proxenitores sempre lles inculcaron ás dúas irmás a importancia da igualdade e da independencia que logo se plasmaría na obra de Luísa. A familia que María Gómez e Rafael Villalta formaron tamén lles deu acceso temperán ás pequenas a diversas expresións artísticas que a protagonista do vindeiro 17 de maio faría dialogar xa como creadora madura en títulos como o ensaio O outro lado da poesía, a música ou o seu primeiro poemario, Música reservada. Na súa casa da coruñesa rúa Vila de Laxe, a cativa medrou tendo acceso a moreas de libros e a estudos musicais. Antes de iniciarse co violino no conservatorio, a guitarra foi, no colexio das Xosefinas, o primeiro instrumento que aprendeu a tocar. “Tocabámola as dúas e cantabamos cancións de Bob Dylan ou Joan Baez, dous cantautores que moito lle gustaban”, recorda Susana. Na escola tamén aprendeu baile galego e os seus pais adoitaban ademais levalas aos ensaios das óperas que se representaban na Coruña. Luísa mesmo chegou a facer de extra nunha delas.
Da nai herdou ademais a afección pola pintura. “Eu pintaba e ela foi a clases con Pedro Vidal Lombán, que foi un dos profesores que eu tiven. Conservo na miña casa dous bodegóns preciosos que pintou na adolescencia”, conta emocionada María Gómez. Rafael Villalta, pola súa banda, era un apaixonado da fotografía. El mesmo facía e revelaba as fotos que compoñen o álbum familiar e mais instantáneas de tipo etnográfico que tomaba nas saídas de fin de semana que a parella organizaba. Malia medrar na cidade, Luísa coñeceu así dende ben cedo a Galicia rural e distintas manifestacións do patrimonio galego, dende a propia paisaxe aos monumentos megalíticos ou os cruceiros, prosegue a nai.
Santa Cruz, onde a familia tiña un apartamento, foi outro espazo destacado dos seus primeiro anos de vida. Nesta localidade do veciño concello de Oleiros pasou moitos veráns, pero a Cidade Alta foi espazo vital e literario para Luísa Villalta. Á Coruña esta dedicado o poemario En concreto (2004), premio Espiral Maior. O volume sairía do prelo catro meses despois do seu pasamento por mor dunha meninxite. A escritora foi despedida no cemiterio de Santo Amaro, á beira do mar que rodea a cidade das rúas na que procurou un abrigo.