Cada centro pode concorrer co proxecto ou proxectos que desexe, sexan de aula, curso ou etapa educativa, ou ben aqueles que impliquen toda a comunidade educativa. Os colexios deben enviar as ligazóns que amosen ou resuman os traballos ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.gal de acordo coas bases do concurso, dispoñibles en primaveradasletras.gal, onde se divulgarán todas as contribucións. Os centros participantes recibirán un diploma, e os tres premiados un lote de libros. A Academia cubrirá ademais os gastos do autobús que cubra o desprazamento ata a cidade da Coruña do alumnado e profesorado de cada escola para participar no acto de entrega dos galardóns.
Primavera das Letras conta dende o seu nacemento, en 2016, co apoio da Deputación da Coruña. Nesta novena edición os escritores Xoán Babarro e Ana María Fernández escribiron para o proxecto o conto Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, unha historia ilustrada por Óscar Villán dispoñible para descarga na web do proxecto xunto a actividades interactivas ou fichas para colorear.
Alén dos contidos arredor da gran festa da cultura galega, Primavera das Letras conta coa sección Lingua Guapa, na que pode verse a curtametraxe A orixe da nosa lingua guapa, a película protagonizada polo alumnado do CPI Santa Lucía de Moraña que explica, a través da fantasía e o humor, como se formou o galego ao longo dos séculos. O filme baséase nunha idea orixinal da académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, autora de referencia no eido da literatura infantil e xuvenil.
Na mesma sección poden verse tamén as pezas audiovisuais da serie Das primeiras cousas: autores e autoras da literatura infantil, nas que Paco Martín, Marica Campo, Antonio Reigosa e Xosé Miranda lembran o seu espertar ao mundo da lectura e da escritura dende a infancia.