O ciclo sobre as Irmandades profunda na figura de Antón Villar Ponte no seu Viveiro natal

Viveiro, o berce de Antón Villar Ponte, figura fundamental das Irmandades da Fala, acolleu hoxe un novo encontro do ciclo de organizado pola Real Academia Galega co gallo do centenario da fundación deste movemento esencial na historia contemporánea da nosa lingua. Na mesa, organizada da man do Concello de Viveiro e celebrada no teatro Pastor Díaz, profundouse na súa figura e nas doutros dous protagonistas das Irmandades: Florencio Vaamonde Lores e Xoán Vicente Viqueira.

Pola esquerda, Carlos Nuevo, Antón Costa, María Loureiro, Xesús Alonso Montero, Emilio Ínsua, Isabel Seoane e Lara Fernández Noriega sobre o escenario do teatro Pastor Díaz no peche do acto. Autor: RAG


O acto arrincou cunha peza musical interpretada polo gaiteiro David Bellas e as palabras de benvida da alcaldesa, María Loureiro, quen recordou que Viveiro está a celebrar desde o pasado mes de maio unha serie de eventos na memoria dos irmáns Villar Ponte e agradeceu a colaboración da RAG para facer posible este encontro. De igual xeito, o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, congratulouse por poder celebrar da man do Concello este acto na localidade natal dunha das grandes personalidades da historia contemporánea de Galicia.

Deseguido tomou a palabra Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, que introduciu e moderou a mesa. Nuevo recordou que Nicomedes Pastor Díaz, veciño da localidade e "adiantado do Rexurdimento" que dá nome ao teatro, marcou os momentos iniciáticos  no mundo das letras dos irmáns Villar Ponte ou de Lois Tobío, entre outros, e detívose nalgúns dos momentos da historia deste espazo emblemático vinculados ás Irmandades e outras etapas. "Por este requintado coliseo, inaugurado en 1918, pasaron e continúan a pasar numerosas compañías teatrais, tanto profesionais como de afeccionados, así como diferentes agrupacións folclóricas e coros galegos, como Toxos e Froles, que co seu cadro de declamación integrado polos membros da Irmandade da Fala de Ferrol, Euxenio Charlón e Manuel Sánchez Hermida, representaron nesta sala, na década dos anos vinte do séculos pasado, as obras dramáticas Mal de moitos, Un trato a cegas e o Manciñeiro", detallou Nuevo, que tamén recordou as intervencións neste teatro de Ramón Villar Ponte, Castelao, Alexandre Bóveda, Otero Pedrayo ou Manuel María.

O historiador concluíu a súa intervención repasado as seis ocasións documentadas da presenza da RAG na localidade. A primeira foi en 1911, con motivo da celebración do centenario do nacemento de Nicomedes Pastor Díaz, que contou coa intervención de Manuel Murguía. Na organización dos actos arredor desta celebración participaron moi activamente os irmáns Villar Ponte. "De feito, xa en 1901, Antón, cun fato de amigos pertencentes ao grupo republicano xerminalista da localidade, organizou unha comisión protraslado dos restos de Pastor Díaz dende a Sacramental de San Isidro en Madrid a Viveiro. Pese a non conseguir o seu obxectivo, os membros da autodenominada xuventude reflexiva de Viveiro participaron nunha Solemne velada literario musical en homenaxe á memoria de Pastor Díaz", explicou.

Antón Villar Ponte
O tamén viveirense Emilio Ínsua foi o encargado de profundar na figura de Antón Villar Ponte (Viveiro, 1881 - A Coruña, 1936), persoeiro cun papel decisivo na Galicia do primeiro terzo do século XX, introduciu. "E tívoo porque despregou simultaneamente varias facetas que tiveron todas elas unha grande importancia política e social. Foi a súa unha personalidade polifacética, sempre activa, desde a tribuna política, desde diversas institucións culturais, como a Real Academia Galega, o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade Popular, a Reunión de Artesáns da Coruña, ou desde o propio teatro, para expoñer, divulgar e defender un ideario galeguista, de corte sempre progresista e republicano, o verdadeiro leit motiv da súa vida", declarou.

Antón foi, xunto ao seu irmán Ramón, promotor e activista das Irmandades da Fala, unha entidade cívica e política "que mudou substancialmente para mellor o panorama da lingua e da cultura desa época, e que propiciou ademais a aparición e definición do nacionalismo político galego contemporáneo".

Ínsua recordou o perfil político do maior dos irmáns, que o levou a ser primeiro deputado da ORGA de Casares Quiroga e despois, en febreiro de 1936, pouco antes do seu pasamento, candidato da Frente Popular; profundou no seu "papel fundamental" como renovador do teatro galego, con obras como Almas mortas, sobre o fenómeno da emigración, ou O Mariscal, escrita xunto a Ramón Cabanillas e baseada na vida de Pardo de Cela; e analizou tamén a súa condición de "xornalista máis importante e máis influínte" de Galicia nas primeiras décadas do século XX, labor que desempeñou como promotor de distintas revistas desde moi novo, redactor de La Voz de Galicia, director d'A Nosa Terra e El Noroeste da Coruña, ou como unha das grandes sinaturas do diario Galicia de Valentín Paz Andrade e, posteriormente, de El Pueblo Gallego.

Para rematar, o profesor achegou algúns episodios sobre a relación de Antón Villar Ponte coa súa vila, onde en 1934, ao se coñecer a gravidade da doenza gástrica da que morrería e tras ingresar na RAG, se lle tributou unha homenaxe, "probablemente a única" que coñeceu en vida.

Xoán Vicente Viqueira e a política educativa
Antón Costa Rico enfocou a súa intervención arredor de Xoán Vicente Viqueira (Madrid, 1886 - Bergondo, 1924) desde a perspectiva do seu campo profesional, o ensino. O catedrático de Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela recordou que, ademais de escritor literario, autor de textos e tradutor á lingua galega, Viqueira foi psicólogo e pedagogo, e mesmo tamén filósofo. "Así mesmo, foi un cidadán con acusada conciencia política e, en certo modo, un teórico social preocupado por enxergar e deseñar, con outros, un horizonte de vida colectiva en Galicia (...). Un humanista cabal foi Viqueira", salienta Costa. O catedrático percorreu a rica traxectoria formativa deste irmán, quen, malia estar marcado desde moi novo pola osteomelite, se formou primeiro en Madrid, na Institución Libre de Enseñanza, e completou a súa formación en Alemaña, como bolseiro da Junta de Ampliación de Estudios, ou en París, onde acudiu na procura dos mellores médicos, sen deixar de aproveitar o tempo para asistir na Universidade da Sorbona ás aulas dos mellores especialistas do momento nos campos de coñecemento do seu interese.

O profesor salientou a dimensión de Viqueira de experto e de investigador no campo psicopedagóxico. Desde a súa formación de alcance internacional, Viqueira reclamou repensar o ensino e a política educativa en Galicia, para poder ligala ao desenvolvemento da cultura e da lingua galega, sendo estas mesmas parte integrante da cultura europea. A súa reclamación e os modos de expresala poñen de relevo que Viqueira é unha figura plenamente consciente do marco europeo no que viviu nas primeiras décadas do século XX, e desde aí elaborou a súa reflexión, explica Costa, para quen este irmán é en si mesmo "unha manifestación de apertura e modernidade intelectual" das Irmandades da Fala.

Florencio Vaamonde Lores
O perfil do escritor Florencio Vaamonde Lores (Bergondo, 1860 – A Coruña,1925), un dos participantes na fundación da primeira das Irmandades da Fala, a coruñesa, foi trazado por Isabel Seoane. "Malia non formar parte de ningunha das directivas nin estar presente nas asembleas da Irmandade celebradas fóra da Coruña, Vaamonde foi un referente para moitos dos asociados pola defensa que sempre fixera de Galicia e da necesidade de normalizar a lingua", empezou a investigadora, que recordou que mesmo Antón Villar Ponte o citou no folleto que sentou as bases das Irmandades, Nuestra afirmación regional, na nómina de persoas destacadas na defensa de Galicia.

Un día antes de se fundaren as Irmandades, o 17 de maio de 1916, Vaamonde asinara unha carta a Antón Villar Ponte para lle agradercer o envío dun exemplar dedicado de Nuestra afirmación rexional. Nesta misiva, incorporada á sección As Irmandades da Fala nos fondos da Academia, apoia as ideas e reivindicacións de Villar Ponte, pero amósase pesismista con respecto á súa consecución. "Aínda así, ofrece a súa colaboración e vai participar en todos os proxectos e actividades da sociedade", apuntou Seoane.

Vaamonde Lores encargouse de asesorar a Lugrís Freire para a impartición das clases de lingua galega que se impartían os mércores e os sábados na Real Academia Galega, cuxo local foi tamén a sede da Irmandade da Coruña ata 1918, puxo como exemplo.

Cando se produciu a escisión política dentro da Irmandade, Florencio Vaamonde matívose na liña política, en consonancia coas ideas que defendera de recuperación da personalidade xurídica de Galicia. Foi daquela nomeado membro do consello de redacción d'A Nosa Terra, pouco despois de que Antón Villar Ponte fora expulsado da dirección da publicación e vertera fortes críticas contra os vellos rexionalistas da Cova Céltica, continuou a profesora. "Malia este enfrontamento, Villar Ponte recoñecerá en 1925, na necrolóxica que realiza de Florencio Vaamonde para o xornal Galicia de Vigo, a súa valía".


David Bellas pechou o acto interpretando Lela. Autor: RAG


Tras os relatorios, a concelleira de cultura, Lara Fernández Noriega, tomou a palabra recordou que actos coma o de hoxe son precisos para que figuras como as dos irmáns Villar Ponte non caian no esquecemento entre as novas xeracións e presentou a peza de cerámica e as medallas deseñadas polo artista local Alfonso Otero Regal para conmemorar o centenario das Irmandades. Finalmente, a rexedora María Loureiro entregoulles estas pezas ao presidente da RAG e os participantes na mesa e o gaiteiro David Bellas pechou o acto interpretando Lela.