A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, presentará o relatorio de Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e de Galicia Nomeada. O obxectivo desta nova charla da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra é dar a coñecer entre as xeracións máis novas o valor cultural da nosa toponimia e implicalas na súa conservación.
Os centros de ensino de Forcarei xa teñen experiencia en traballos relacionados cos seus nomes de lugar. Hai uns anos, o IES Chano Piñeiro decidiu bautizar as aulas co nome das trece parroquias do concello. En cada clases colocouse un cartel no que se explica a orixe do topónimo xunto ao mapa onde se localiza a freguesía dentro de Forcarei, ademais dos nomes das aldeas e lugares que forman parte da parroquia. Á charla de mañá no CEIP Nosa Señora das Dores tamén acudirán profesorado e alumnado deste instituto para sumarse a esta nova experiencia que será traballar coa aplicación colaborativa Galicia Nomeada.
Vicente Feijoo comezará a sesión cunha pequena introdución ao mundo da toponimia para pasar logo á parte central: que poden facer os rapaces e rapazas para conservar os nomes das leiras, montes, regueiros, penedos, fontes... da súa contorna e como empregar a plataforma Galicia Nomeada para este fin, tanto de xeito persoal ou coas súas familias como formando parte dun proxecto escolar do centro. Vicente Feijoo animará o profesorado a promoveren iniciativas deste tipo, seguindo o modelo doutras propostas escolares como “Do Alto da Serra a Zafarina: Meis en microtopónimos”, do CPI O Mosteirón, ou “Pazos Nomeado”, do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén.
Por último, o público poderá preguntar pola procedencia dos nomes dos lugares que forman a súa paisaxe habitual e descubrir o seu significado e que nos din sobre a historia do concello e dos seus antepasados. Saberá, entre outros detalles, que a parroquia de Meavía ten este nome porque queda no medio dun camiño e que os historiadores coinciden en que se refire ao chamado “camiño vreeiro”, unha ruta medieval utilizada polos arrieiros que levaban o viño do Ribeiro a Santiago de Compostela, pero que tamén foi un camiño de peregrinación usado polos camiñantes que ían desde o norte de Portugal a adorar o santo. Outros topónimos presentes no concello como A Rúa ou Pousada tamén están vinculados con estes camiños.
Dúas citas Toponimízate para a vindeira semana
A campaña Toponimízate, coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia, visitará os concellos de Guntín, o mércores, 23 de novembro, ás 12:00 h na Casa da Cultura; e do Incio, o venres 25 de novembro, ás 19:00 h no salón de usos múltiples da Casa do Concello.