O equipo docente do CEIP Milladoiro de Malpica de Bergantiños.
Dúas alumnas de infantil xogan durante unha actividade.
Alumnado do colexio malpicán ante o mural do Día das Escritoras.
Creando un "galicómic".
O galardón, convocado ao abeiro de Primavera das Letras, o proxecto web para o público infantil que a RAG desenvolve co apoio da Deputación da Coruña, nace coa vontade de recoñecer persoas, iniciativas ou experiencias que, ben no ámbito escolar ben noutros espazos, destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia, semente de futuro da lingua, do país. O presidente da Academia, Henrique Monteagudo, presidirá a entrega do premio, deseñado por Pepe Barro, xunto ao propio colexio, no centro cívico de Malpica, onde o pasado 17 de maio a Academia celebrou o pleno das Letras Galegas das cantareiras.
A celebración promete ser unha festa que ben podería definirse, tirando de novo do Dicionario malpicán, como campal, ben grande. Os alumnos e alumnas de 5º de primaria exercerán de presentadores dalgúns dos traballos que dan conta do bo facer do colexio e, da súa man, conducirá o acto a coordinadora de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, un ano máis candidata española ao Premio Astrid Lindgren de literatura infantil e mestra xubilada.
Con este recoñecemento que toma o seu nome dun dos versos do Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Academia distingue en primeiro lugar o bo facer do profesorado do CEIP Milladoiro, salienta a académica. E aplaude tamén a implicación das familias e do persoal dos servizos complementarios dunha escola que forma parte dunha comarca que constitúe “un espello no que nos mirar”, unha “terra orgullosa da nosa fala onde atopamos os mellores datos de transmisión interxeracional do idioma”, engade Henrique Monteagudo.
Iniciativas moi diversas arredor dun patrimonio común
As mestras e mestres do CEIP Milladoiro traballan para arrequentar un ambiente de aprendizaxe no que o alumnado desenvolva un pensamento crítico, empático e creativo. Neste marco pedagóxico, a identidade lingüística é un concepto e unha práctica transversal. “O noso obxectivo é que os pequenos e pequenas aprendan a valorar o noso rico patrimonio material e inmaterial, crear conciencia da necesidade da súa protección e conservación, que sinta orgullo do noso, hoxe e sempre”, expón Fátima Romero Olveira, responsable do equipo de biblioteca escolar-dinamización da lingua (BE-DL) do colexio.
Nesa procura enmárcanse propostas como a programación de Radio Balea, a emisora escolar; o DichoLeo, centrado na alfabetización audiovisual na que o alumnado grava pequenas pezas para detectar interferencias lingüísticas e ampliar o seu vocabulario galego; o Galicómic, a serie de banda deseñada na que protagoniza as súas propias páxinas; ou libros de produción propia como o devandito Dicionario malpicán ou o Dicionario mariñeiro, elaborados tamén dándolles protagonismo á rapazada e ás súas familias. Todas estas experiencias teñen ademais o atractivo dun marcado sentido lúdico, como E ti, de quen vés sendo?, o xogo de mesa con preguntas arredor de Malpica de Bergantiños que se creou igualmente de maneira colectiva, no marco do proxecto documental integrado Patrimonio In-Material!.






