O CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda acolle a inauguración da Primavera das Letras das cantareiras
A Real Academia Galega presenta o luns 10 de marzo a nova edición de Primavera das Letras. O acto do proxecto que dirixe ao público infantil será o primeiro que celebre a institución co gallo do Día das Letras Galegas que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizará no propio colexio a estrea da obra As Ferreñas (en vivo e en directo). O texto, da escritora Paula Carballeira, poderá descargarse desde ese mesmo día en primaveradasletras.gal, nunha edición ilustrada por Nuria Díaz.
Ambas as creadoras acompañarán o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a coordinadora de Primavera das Letras, a académica Fina Casalderrey, na celebración que se desenvolverá da man da comunidade educativa de Cerceda. Está prevista tamén a asistencia de netos e netas de Rosa e Adolfina Casás Rama. A Academia personificou a festa do Día das Letras Galegas 2025 nestas dúas veciñas cercedenses canda Eva Castiñeira Santos (Muxía) e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños).
As cantareiras das Letras Galegas 2025 por Nuria Díaz