“Celebramos a memoria de Manuel Murguía con dúas publicacións que enriquecen o noso patrimonio. En ambos os dous volumes evidénciase a forte personalidade, o compromiso e a cultura do fundador da Academia, a súa visión de Galicia como proxecto nacional e a súa contribución á construción dunha idea moderna do país”, salientou Víctor F. Freixanes. “Cen anos despois do seu pasamento e case cento vinte dende a fundación da Academia, a súa figura medra en significación e transcendencia, sementeira de ideas e felices iniciativas. Murguía é un dos alicerces da patria”, concluíu o presidente da RAG.
“Rosalía é a figura esencial do rexionalismo literario, pero a do rexionalismo cultural e político é Manuel Murguía. El foi quen deseñou a idea de Galicia da que se alimentou todo o galeguismo do século XX”, engadiu na mesma liña o director da Sección de Historia, que asina unha das contribucións dos encontros celebrados na Coruña, na Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro en febreiro do ano pasado.
Un volume especial dos “Anexos” do Boletín da Real Academia Galega reúne agora as nove achegas presentadas nas xornadas. Son traballos arredor das institucións, das ideas de Galicia e da literatura nacional en Murguía que avanzan -destaca Marilar Aleixandre- na comprensión crítica do homenaxeado emprendida polo académico Xosé Ramón Barreiro (1936 – 2021) na súa biografía (2012) e continuada por María Xesús Lama na de Rosalía de Castro (2017). A profesora da Universitat Autònoma de Barcelona é a autora doutra das contribucións reunidas que “abren camiños aínda por explorar”. As demais son as presentadas pola académica correspondente Ana Romero Masiá, o investigador Emilio Xosé Ínsua, o deseñador Pepe Barro, os historiadores Ramón Máiz e Justo Beramendi e os filólogos Xurxo Martínez e Ana Acuña Trabazo.
O catálogo da biblioteca de Murguía
O catálogo da biblioteca de Murguía forma parte tamén da colección “Anexos BRAG” e edítase igualmente co apoio da Deputación da Coruña. Este traballo monumental, dedicado á memoria do profesor Barreiro -presidente da Academia entre 2001 e 2009-, inclúe información dos 2017 exemplares do legado de libros e folletos de Murguía conservados na RAG, así como das 147 cabeceiras, precedidos dun completo limiar. “Preparado con rigor e agarimo por Fernando Pereira, fornece de informacións preciosas sobre as lecturas e intereses de Murguía. Sen dúbida, será crucial para a investigación sobre o fundador da Academia”, valora Marilar Aleixandre.
Moitos libros que formaron parte da biblioteca de Murguía desapareceron pero, así e todo, o legado recibido pola RAG constitúe un conxunto de abondo significativo para desvelar a natureza dela e coñecer mellor o pensamento do historiador e a súa obra, en que temas centraba as súas lecturas e cales eran os autores que tiña máis presentes, apunta Fernando Pereira, que se refire a estes volumes como os alicerces sobre os cales estaba construída toda a produción erudita do fundador da Academia. “A realización dun estudo polo miúdo dos libros e das revistas que tiña na casa pode ser de grande utilidade para reconstruír a súa actividade intelectual e para perfilar o lugar sobranceiro que ocupou na sociedade galega. E sobre todo ese estudo pode dar mellores resultados se logramos combinar o que sabemos da súa biblioteca cos múltiples datos que nos ofrecen os documentos custodiados no arquivo da Academia, e tamén coas referencias bibliográficas que encontramos nos libros que escribiu”, valora.
A doazón de Gala Murguía e outras orixes
O groso dos libros da biblioteca de Murguía chegou á Academia por doazón da súa filla Gala, tras o seu pasamento en 1964. O seu legado inclúe ademais uns poucos incorporados previamente por medio de sucesivas doazóns do propio Murguía cando era presidente e mesmo pouco despois do seu pasamento. Dos 2.017 exemplares e 1.834 títulos (hai algúns repetidos e de varios volumes), 860 corresponden a libros ou folletos de ensaios de temáticas diversas, e 285 a obras de creación literaria. Preto de 250 son anteriores a 1800, publicados a partir do século XVI, e forman parte tamén da colección unha pequena cantidade de volumes que mostran unha fasquía máis familiar da biblioteca que se gardaba na casa da rúa Santo Agostiño da Coruña, pertencentes a Rosalía ou aos seus fillos.
Outros mesturados cos que manexaba Murguía seguramente foron de Gala ou do seu home, Pedro Izquierdo y Corral, xa que son obras (oito en total) escritas polo seu pai, suxire o bibliotecario.
Da historia e o celtismo
Dentro do grupo de libros anteriores a 1800, os máis antigos son as edicións da Historia tripertita de Casiodoro e da Hystoria ecclesiástica de Eusebio de Cesarea. Canto á temática, van dende a relixiosa e as traducións de autores da Antigüidade clásica á historiografía hispánica. A obra de tema galego máis antiga do conxunto é o das Constituciones para o goberno da igrexa de Santiago promulgadas polo arcebispo Francisco Blanco e publicadas en Compostela no ano 1578. A variedade temática amplíase entre as obras editadas a partir do século XVIII, ao que pertencen xa títulos que abranguen dende o pensamento económico, a historia, as viaxes ou a oratoria ata a educación ou a situación política de Europa.
Pero é nas obras contemporáneas onde se pode coñecer cales foron os autores de referencia de Murguía. Unha parte moi importante da súa biblioteca está composta por libros publicados durante o século XIX e os primeiros anos do XX que el mesmo adquiriu, ou que outros mercaron por el, en función dos seus intereses e das necesidades das súas investigacións. A historia é sen dúbida a materia que reúne máis títulos, “algo que era de esperar tendo en conta o peso das investigacións históricas na súa produción intelectual”, e dentro desta a súa biblioteca contén “un microcosmos do panorama historiográfico europeo da segunda metade do século XIX, sobre todo da historiografía francesa”. O seus libros confirman que estivo ao corrente das tendencias do momento nos estudos históricos e que coñeceu e leu algúns dos historiadores galos máis destacados, ademais de que procurou informarse e coñecer as novidades a medida que foi realizando as súas propias investigacións.
Na biblioteca do máis importante teorizador e popularizador do celtismo galego no século XIX non podía faltar tampouco un número importante de obras sobre este tema. “Son case cincuenta títulos, e sabemos que tivo outros volumes do mesmo tema que non chegaron ata nós”, apunta Fernando Pereira. Neste caso volve comprobarse que a erudición francesa é a predominante, aínda que aquí hai ademais algúns traballos escritos en inglés. “De especial relevancia son as traducións francesas de textos medievais irlandeses que tiña na súa casa, sobre todo a do famoso Leabar Gabala – Livre des Invasions, onde se narraba a lenda de Breogán. Da tradución deste título tirou Murguía para dar a coñecer ao público galego o lendario personaxe que simboliza o vencello entre Galicia e Irlanda.
Librarías, dedicatorias e outras observacións
A arte, a literatura, os temas políticos, económicos e sociais son outras temáticas moi presentes na biblioteca de Murguía, segundo confirma o catálogo, que inclúe nos seus rexistros información sobre os lugares onde se mercaron algúns volumes. “A estes datos achegámonos por medio dos selos das librarías que se observan nas páxinas dos libros e tamén por algunhas tarxetas de compra conservadas entre os papeis persoais”, explica o autor. A libraría Bailly Baillière de Madrid foi a principal fornecedora de obras estranxeiras e na Coruña Murguía debeu de ser comprador habitual na de Andrés Martínez Salazar e na de Eugenio Carré.
Os rexistros do catálogo inclúen así mesmo, entre as observacións, anotacións con información extraída do epistolario de Murguía conservado na RAG e das dedicatorias dos propios libros. Fernando Pereira localizou en total 293 exemplares con dedicatorias. A maioría son obras escritas en castelán e en galego, aínda que tamén existen algunhas de títulos en catalán, portugués ou francés.
Outro dato significativo é que un gran número das obras literarias de escritores galegos que están presentes na súa biblioteca, publicadas tanto en galego coma en castelán foron un obsequio a Murguía, “o que indica a estimación con que o trataron os homes e mulleres de letras do país. “De feito, todas as dedicatorias deixan ver o respecto, a admiración, a gratitude e a amizade que sentían os dedicantes pola figura sobranceira de Murguía, a quen consideraban como o erudito galego máis importante do seu tempo”, contextualiza.
Entre as sinaturas localizadas, figuran moitas personalidades destacadas da Galicia de finais do século XIX e comezos do XX, como María Barbeito, Juan Barcia Caballero, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas...; canda o vasco Carmelo de Echegaray; os andaluces Francisco Rodríguez Marín ou José María Sbarbi; o francés Emmanuel Contamine de Latour; o norteamericano Hugo Albert Rennert; os portugueses Júlio de Lemos e Artur Viegas; ou os cataláns Jacint Verdaguer o Josep Pin, entre outros.