Terra Chá publicouse por primeira vez no ano 1954 cun total de cincuenta e cinco poemas. Ademais de engadir vinteseis, na segunda edición, de 1967, o poeta introduciu importantes modificacións en boa parte dos poemas da primeira, que el mesmo definiu como "un simple e pobre borrador". Naquel momento, Manuel María presentaba o libro, "lírico e descritivo", como un dos que máis amaba."Por iso dá a luz esta nova edición, corrixida e aumentada", engadía xusto antes do prólogo de Ánxel Fole. "O carro", reproducida abaixo, foi unha das composicións que experimentou importantes cambios.
Ao longo das páxinas de Terra Chá, Manuel María cantoulle á paisaxe da súa terra, ás súas xentes, aos animais ou ás árbores. "Son a materia da súa nova poesía, o que significa un retorno ás orixes, ás esencias líricas do vivir e metros populares", indica Camilo Gómez Torres en Manuel María: os traballos e os días (Laiovento, 2001). O escritor de Outeiro de Rei usa nesta obra a estética popular, a palabra patrimonial e a recursividade tradicional "para cantar a Chaira como a Chaira canta", salienta o experto.
O carro
Non canta na Chá ninguén.
Por iso o meu carro canta.
Canta o seu eixo tan ben
que a señardade me espanta.
Non hai canto tan fermoso,
fino como un asubío.
Anque é ás veces saudoso,
faise no ar rechouchío.
O meu carro é cerna dura,
sábese carballo e freixo.
Que fermosa a súa feitura!
Que lixeireza a do eixo!
As cousas vanse aledando
por onde o meu carro pasa.
Carrétame herba pró gando,
Traime a colleita prá casa.