O ‘Cancioneiriño’ de Arcadio López-Casanova

O académico de honra Arcadio López-Casanova escribiu nos anos 70 os poemas que agora recompila no Cancioneiriño, publicado na colección "Os libros do loureiro". Igual cós contos O bosque de Ouriol e As roitas da gamela, estes versos, esquecidos durante décadas nun cartafol, quixeron ser o seu graíño de area ao "vizoso agromar da nosa literatura infantil e xuvenil, que tan bos froitos foi dando logo", expresa no limiar do libro de poemas.

Remexendo en vellos papeis, Arcadio López-Casanova atopou con emoción estes poemas en 2015. O autor, que quixo volver mirar o mundo "cos ollos do neno e o rapaciño" que foi, revisou as composicións, recompuxo o conxunto e engadiu algunha nova creación. As estadías na casa familiar do Páramo ou a descuberta do mar na Mariña luguesa reiviven a través das páxina dun libro que acaba de ver a luz na colección de poesía de Edicións Follas Novas baixo o título Cancioneriño (Do tempo e a paisaxe, dos traballos e as festas). Versos para a xente nova.

"A ría", que se reproduce deseguido, é un dos poemas incluídos nesta obra.

A ría
A lingua de prata
que vaza e que beixa
ó areal durmido
no berce da beira.

A lingua de prata
que doce, moi doce
ó areal anaina.

Que doce, moi doce
anaina coas ondas
que veñen de lonxe.

Anaina coas ondas
lenes no baixío
das cunchas e as oucas.

Lenas no baixío,
areal dos soños
en ouros tecido.

Areal dos soños
Que a lingua de prata
no berce da beira
agarima maina.

No berce da beira,
Ondas do baixío
Que vazan e beixan.