O último Boletín recolle os estudos dos seis especialistas que participaron no Simposio Roberto Vidal Bolaño, que se desenvolveu o 17 de decembro de 2013 na sede da Real Academia Galega e na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC); e as tres alocucións académicas da sesión celebrada o 17 de maio dese mesmo ano en Santiago de Compostela, pronunciadas polos membros de número da RAG Margarita Ledo, Francisco Fernández Rei e Euloxio Rodríguez Ruibal. Este último coordinou e coidou a edición deste corpus monográfico dedicado ao dramaturgo.
Na sección centrada no Simposio, Carlos-Caetano Bischainho-Fernandes (UDC) presenta un percorrido pola intervención de Vidal Bolaño no campo teatral desde os momentos refundacionais de comezos da década dos 70 ata a transición, e faino propoñendo unha viaxe con dez paraxes nos momentos decisivos do periplo profesional do creador. Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramática, achega un traballo no que, ademais de reflexionar arredor da figura do dramaturgo, aborda a promoción e difusión da nosa cultura escénica, así como da situación das artes escénicas galegas.
Iolanda Ogando, da Universidade de Extremadura, analiza as ideas sobre o teatro e a sociedade galega que Vidal Bolaño construíu e transmitiu a través do seu discurso público, mentres que Inmaculada López Silva, da Escola Superior de Arte Dramática, participa cun relatorio con claves para unha análise estética e política do teatro do protagonista das Letras Galegas 2013. Henrique Rabuñal, profesor do IES Agra do Orzán, detense en Caprice des Dieux, unha peza singular do autor, obra que no seu día supuxo unha despedida dos escenarios e que está sustentada nun enfrontamento de Bolaño coas primeiras autoridades políticas galegas da época (1985), "pero tamén nun desencontro con parte dos profesionais do teatro galego daquel momento". Pola súa banda, Laura Tato (UDC) realiza un estudo e análise das personaxes femeninas no teatro do autor homenaxeado.
O académico e membro do Instituto da Lingua Galega Henrique Monteagudo analiza un abano de variantes scriptolingüísticas dos Cancioneiros da Ajuda e da Biblioteca Nacional noutro artigo recollido na terceira sección deste Boletín, na que Afonso Vázquez Monxardín escribe tamén unha achega biográfica a Primitivo Rodríguez Sanjurjo (1880-1947). Representante da intelectualidade de vangarda ourensá, Rodríguez Sanjurjo participou con Vicente Risco e Otero Pedrayo en varias iniciativas culturais da época pregaleguista destes autores e foi profesor de literatura española en tres universidades dos Estados Unidos entre 1920 e 1926.
Manuel Pardo de Andrade e 'Os rogos dun gallego' no seu bicentenario
Manuel Pardo de Andrade é outra figura recordada neste número, que recolle tres das nove conferencias pronunciadas co gallo do bicentenario d'Os rogos de un escolar gallego á Virxê do Bo acerto para que libre á terra da Inquisición, as de Gonzalo Navaza e os académicos Andrés Torres Queiruga e Rosario Álvarez. Navaza (Universidade de Vigo), céntrase en tres notas biográficas deste precursor: unha posible estadía en París en 1804 xunto "cun vago indicio da súa relación coa masonería en datas temperás", certos datos tomados dos informes da policía francesa sobre o autor e un proceso xudicial no que estivo implicado. Torres Queiruga publica Os rogos, entre a relixión, o evanxeo e a política, un traballo no que intenta amosar a complexidade hermenéutica deste "libriño en apariencia lineal", e Rosario Álvarez, do Instituto da Lingua Galega, analiza a lingua do autor en dúas perspectivas: a fidelidade ás variantes propias da comarca das Mariñas dos Frades, de onde era orixinario, e a procedencia e xustificación das achegas alleas incorporadas.
Pecha este número do BRAG o capítulo sobre a vida oficial da Real Academia Galega, que conclúe cunha necrolóxica de Xaime Isla Couto asinada por Xosé Luís Franco Grande.
O número 374 do Boletín da Real Academia Galega pode descargarse nesta ligazón.