"Cos seus tres primeiros libros, escritos de 1949 a 1951, Manuel María constrúe xa nos arredores dos seus vinte anos unha obra poética de grande altura". Así arrinca o resumo da achega de Darío Xohán Cabana ao Simposio Manuel María recollido no Boletín, que lle dedica a súa primeira parte a este encontro celebrado na Real Academia Galega os días 22, 23 e 24 de novembro de 2016. Á colaboración do académico, centrada nas primeiras obras de mocidade do poeta chairego, séguenlle outros dezaseis artigos dedicados a diferentes aspectos e momentos da vida e da obra deste autor polifacético e comprometido.
Diversas olladas á poética, á narrativa, ao teatro e ao articulismo de Manuel María, a relación do escritor coa lingua galega, o seu papel na construción dunha educación literaria en galego ou a pegada que deixou na creación da música galega contemporánea son algúns dos temas abordadados nas achegas presentadas no Simposio Manuel María que agora poden lerse no Boletín. Os autores e autoras son Marta Dacosta Alonso, Manuel López Foxo, Rosalía Fernández Rial, Camilo Gómez Torres, Mercedes Queixas Zas, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, Xosé Ramón Freixeiro Mato, Henrique Rabuñal, Montse Pena Presas, Xurxo Souto, Xosé Estévez, Carlos Quiroga, Pilar García Negro, Antón Lopo e Xosé Lois García e Fina Casalderrey.
O segundo apartado do Boletín xunta as alocucións pronunciadas o 17 de maio na casa natal de Manuel María, en Outeiro de Rei, a cargo de Manuel Rivas ("Manuel María, activista da verdade"), Margarita Ledo ("Resistencia e dereito á renacenza") e Darío Xohán Cabana ("Manuel María, o poeta").
Este número ofrece tamén un traballo sobre as achegas de Xesús Alonso Montero ás orixes da sociolingüística galega (1968-1973) asinado polo académico Henrique Monteagudo; outro da académica correspondente Luz Méndez, "Galicia no decreto de 1916"; e "Novas aplicacións informáticas para recoller, normalizar e difundir a toponimia de Galicia. Estado dos proxectos", do membro do Seminario de Onomástica Vicente Feijoo. Pechan o volume unha recensión sobre o o libro de Siro López Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo, unha contribución do académico Xesús Ferro Ruibal, e a sección "Vida oficial da RAG".