O mesmo museo pontevedrés, dirixido durante décadas por Filgueira Valverde, será tamén o escenario da presentación do Boletín o mércores 25 de xaneiro a partir das 20 horas. O acto contará coas intervencións do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle; o presidente da Fundación Filgueira Valverde e fillo do escritor, Fernando Filgueira; a profesora da Universidade de Vigo María M. Álvarez Lires; e o deputado provincial de Cultura Xosé Leal Fariña.
Xunto ás alocucións de Víctor F. Freixanes e Francisco Díaz Fierros, o volume recolle os relatorios presentados no Simposio Filgueira Valverde por Arcadio López-Casanova, Ana Acuña, Leticia Eirín, Teresa López, Ramón Nicolás, Francisco Fernández Rei, Xermán Manuel Torres de Aboal, Rafael L. Torre, Xesús Ferro Ruibal, Xosé Fuentes Alende, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María M. Álvarez-Lires, Xosé Carlos Valle Pérez, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, Ramón Villares, Xosé Carro Otero, Xavier Groba González, Xosé Manuel González Reboredo e Ignacio Cabano, Daniel Buján e Anxos Sumai.
Organizado pola RAG da man do Museo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié, e coa colaboración da Consellería de Cultura, a primeira sesión do Simposio Filgueira Valverde na cultura galega do século XX desenvolveuse no museo pontevedrés en dúas xornadas. Nelas disertouse sobre "Filgueira en Pontevedra" e "Pontevedra en Filgueira Valverde". "Tratábase de analizar a relación prolongada e intensísima do noso autor coa súa cidade natal, na que transcorreu case toda a súa vida, na que envorcou unha boa parte da súa fecunda actividade, da que foi unha figura pública do maior relevo (como se sabe, entre outras cousas, dirixiu o seu importantísimo Museo Provincial de 1942 a 1976 e foi o seu alcalde de 1959 a 1968) e á que dedicou unha porción non menor do seu inxente labor erudito", explican os editores na presentación do volume.
Na segunda sesión, celebrada o 24 de novembro de 2015 en Santiago de Compostela, profundouse na relación de Filgueira Valverde con esta cidade, onde comezou os estudos universitarios e participou na fundación do Seminario de Estudos Galegos (1923). En Compostela tamén contribuíu a pór en marcha o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (1944), exerceu como conselleiro de Cultura da primeira Xunta de Galicia (1982-1983) e, nos últimos anos da súa vida, presidiu o Consello da Cultura Galega (1990-1996). A sesión desenvolvida en Compostela abordou así o labor do Filgueira institucional e a súa valiosa achega ao tema xacobeo, un dos seus preferidos.
O simposio rematou na Coruña cunha primeira xornada na propia sede da Academia, institución á que o homenaxeado pertenceu desde 1941. Nesta ocasión o programa centrouse nas súas facetas filolóxicas e literarias e abordou a súa achega precursora aos estudos sobre a lírica trobadoresca galego-portuguesa, a súa notable obra de creación nos xéneros narrativos e poéticos, a súa ampla e valiosa produción como articulista e o seu ricaz galego literario. A sesión celebrada o 27 de novembro de 2017 na sede da Fundación Barrié púxolle o ramo ao simposio revisando o labor de Filgueira Valverde como folclorista, bibliófilo e editor, con especial atención á música popular e á súa fecunda relación con dita fundación.