O Arquivo da Academia recibe unha doazón de correspondencia e manuscritos poéticos de Francisco Añón

"Maldigo o ferro carril, / carros con lume e vapor, / que cal lóstrego sutil, / arrebatan de Madril / o meu amigo millor". Francisco Añón (Outes, 1812 – Madrid, 1878) dedicáballe o 13 de setembro de 1873 o poema que empeza con estes versos ao seu "querido amigo" Juan Bautista Neira, "salvado providencialmente no descarrilamento de Viana", o accidente acontecido dous días antes nunha ponte sobre o río Douro que deixou 21 mortos e 58 feridos. Parte do canto ao enxeñeiro lugués pode lerse agora nun dos manuscritos que acaba de doar á Real Academia Galega Enrique González-Añón Villar, descendente de quen foi destacado precursor do Rexurdimento.

Enrique González-Añón Villar asina a doazón acompañado do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o profesor Ramón Blanco, Paula Alexandre Teixeiro, Xosé Carlos González Añón, Ángel Manuel Mayán Añón e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo. Fonte: RAG


Tras moitos anos de coidada conservación, Enrique González-Añón Villar decidiu legar á Real Academia Galega estes documentos antes preservados polo seu pai, Enrique González Añón, o médico que foi o derradeiro alcalde republicano de Outes. "El tíñaos gardados nun caixón e ao cambiar de casa atopei o que conservaba dos meus antepasados. Nunca lle escoitara falar destes papeis porque cando meu pai morreu, en 1945, despois de botar dous anos enfermo na cama, eu só tiña 14 anos e daquela desas cousas non se falaba", recorda. A doazón inclúe, ademais do fragmento do poema que titula no manuscrito cedido "Ferrocarril", outro anaco da composición "El portugués de Sevilla". Aínda que ambos poden ser textos apógrafos, presentan certas variantes en relación ás versións publicadas.

Pero talvez os documentos de maior valor desta doazón sexan as dúas cartas que o poeta enviou desde Madrid en 1872 ao seu curmán Tomás (O vinculeiro do pazo de Añón), reproducidas xa nos anos 80 na biografía do poeta asinada por Josefina López de Serantes, subliña Ramón Blanco Fernández, estudoso do precursor de Outes e autor de Vida e obra de Francisco Añón (Galaxia, 2012).

A RAG tamén pasa a conservar un pequeno caderno en oitavo con poemas en galego e castelán dedicado por completo a Francisco Añón do que polo momento se descoñece a autoría. "Seguramente ha ser obra dalgún antepasado do alcalde González Añón, tendo en conta a procedencia dos textos", observa o profesor Blanco Fernández. "Os versos dialogan coa obra do poeta homenaxeado con alusións a algún aspecto biográfico, como a famosa anécdota atribuída ao poeta segundo a cal, de rapaz, escribía os seus versos cun garabullo no chan", engade. O legado complétase cun relato en castelán do avogado Manuel García Cereijo, quen foi xuíz municipal de Outes, e parente de González Añón.

Enrique González-Añón Villar fixo entrega dos manuscritos ao presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, nun acto no que tamén participaron Ángel Manuel Mayán Añón e Xosé Carlos González Añón, descendentes de Tomás Añón Paz, o irmán de Francisco Añón e de Nicolasa (quen malia ser analfabeta compuxo tamén poesías que ditou na súa vellez); Ramón Blanco Fernández, biógrafo dos dous irmáns, e Paula Alexandre Teixeiro, admiradora do poeta.

A doazón complementa as fontes documentais vinculadas a Francisco Añón que custodia a Real Academia Galega nos fondos dos irmáns De la Iglesia, Murguía, Leandro Carré, José Ogea e da familia Martínez Morás.