Fonte: Arquivo RAG
"[Gonzalo López Abente] foi sempre un namorado dos silencios de Muxía, dos poentes enxergados dende a soleira da Nosa Señora, dos calmos paseares polas praias e costas e as terras que a ilas deitan pautadas por os ríos calados. A xeografía poética de López Abente alóngase pouco, afonda moito e tén a Muxía por síntesis, chave e rosa", despedíao Ramón Otero Pedrayo na necrolóxica publicada no Boletín da Real Academia Galega tras a súa morte en 1963. Proba deste retrato son os manuscritos do autor conservados na RAG, cuxo valor especial radica na súa natureza inédita. De feito, a partir deles fixéronse dúas das edicións póstumas de López Abente.
Co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedicou, a Academia editou en 1971 o poemario Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca, quince composicións dedicadas á virxe muxiá que Gonzalo López Abente lle entregara ao académico e daquela presidente da institución, Sebastián Martínez-Risco, en 1960. Catro décadas despois sairía do prelo Bretemada, unha edición ao coidado de Miro Millar que reproduce cen poemas escritos entre 1917 e 1922. O fondo documental do creador de Muxía na RAG inclúe tamén outros poemas que foron igualmente dixitalizados, completando así o traballo previo de catalogación e descrición desenvolvido polo arquivo.
Fragmento do manuscrito do poema "A oferta", de Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Fonte: Arquivo da RAG
A TEMPESTADE
(...)
A rexa tempestade, o vento fero
e o mar que se retorce e ruxe de ira
non son capaces de torcer a senda
que sigue a barca miña.
É forte o corazón, o brazo é forte
i-o amor mais forte ainda.
Corre ben, negra barca, que o meu faro
coma unha estrela brila!
Meu amor, meu amor,
cara ti vou axiña!
Fragmento do poema "A tempestade"
Reproducido a partir do mecanoscrito de Bretemada