A Academia celebrou os días 21, 22 e 23 de novembro o Simposio Carlos Casares, tres xornadas que permitiron profundar na biografía e na obra literaria de Casares da man de dezaseis especialistas. O mes empezara con dúas mesas redondas en Ourense e Vigo, organizadas pola Fundación Carlos Casares, centradas na relación coa cidade na que naceu, a primeira, e o Casares editor, a segunda. Seguíronlles os encontros organizados polo Consello da Cultura -do que foi presidente-, onde se ofreceu unha ollada sobre o seu labor desde as institucións e a proxección exterior da súa obra. Outra ocasión para renderlle homenaxe foi o acto organizado o pasado 19 de decembro en Madrid polo Instituto Cervantes e a Xunta de Galicia, só días antes de que o Ano Carlos Casares volva ter, hoxe mesmo, como epicentro a Xinzo de Limia. Será aquí onde rematen as conmemoracións institucionais cunha celebración que se desenvolverá no auditorio municipal a partir das 20:00 horas.
Outro xeito de se achegar ao autor foron as distintas exposicións que percorreron o país. A fundación que leva o seu nome preparou, entre outras, Os mundos de Carlos Casares, a mostra central das Letras Galegas 2017, que pode verse ata o 26 de decembro no Museo Interactivo da Historia de Lugo. Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez, organizouse en cinco etapas da vida de Casares a través de centos de documentos relacionados co escritor e cinco pezas audiovisuais creadas para a ocasión. Tampouco poden esquecerse outras iniciativas como os roteiros para percorrer os seus camiños vitais e literarios organizados no seu Ourense natal, Xinzo de Limia, Nigrán -onde estableceu a residencia familiar- e Vigo -da man do instituto que leva o seu nome-.
Outra forma de afondar na súa traxectoria vital é a biografía publicada pola Editorial Galaxia, Casares. Un contador de historias, asinada polo académico Henrique Monteagudo; e, para o público máis novo, Carlos Casares. Vida e literatura (Xerais), un retrato de proximidade de Damián Villalaín, e Onde vai Carlos? (Deputación de Ourense), de José Antonio Perozo.
Pero 2017 foi sobre todo tempo para reler, ou descubrir, as novelas, relatos, ensaios e artigos xornalísticos de Casares. Galaxia, o selo no que publicou boa parte dos seus títulos e que dirixiu de 1986 ata o seu pasamento en 2002, inaugurou o ano pechando a serie de dez volumes que recollen as columnas de Á marxe e en marzo presentou O expreso da literatura e outros ensaios, con dezaseis textos sobre distintos temas relacionados coa literatura. O ano remata coa saída do prelo doutra recompilación de artigos en prensa, desta volta as críticas e comentarios literarios que o escritor foi publicando entre 1975 e 1992 baixo o nome A ledicia de ler; e d'O suicidio de Jonas Björklund, unha colección de relatos soltos editada por Xosé Manuel Soutullo. Por outra banda, a Xunta de Galicia promoveu a tradución ao inglés de Ilustrísima, realizada por Jacob Rogers (His Excellency, Small Station Press).
A modo de homenaxe, tamén saíron do prelo dúas tiraxes especiais de textos de Casares: o Consorcio de Santiago publicou unha versión ilustrada de Santiago de Compostela. A cidade milagre; e en Vigo apostouse por unha edición popular de Vigo: a man da xente. Xinzo de Limia tamén lle dedicou ao autor un libriño: Lolo en bici e Carlos na moto, unha biografía de Carlos Casares para rapaces. O Parlamento de Galicia recordou tamén a Casares, deputado na primeira lexislatura, cunha escolma dos seus discursos na Cámara que teñen como eixe común a política lingüística, e a Universidade de Santiago de Compostela dedicoulle Casares en Compostela. Universidade e literatura. O escritor limiao Antón Riveiro Coello rendeulle o seu particular tributo en forma de novela con A ferida do vento.
Non poden esquecerse as iniciativas desenvolvidas nas escolas e institutos de todo o país para achegar o alumnado á obra do autor protagonista deste 17 de maio. Algunha delas tomou forma de libro. É o caso d'As estrelas máis estrelas de todas as estrelas (Bolanda), un álbum ilustrado polos estudantes do IES Carlos Casares baseado na obra do autor. Pensando tamén no público máis novo, a Real Academia Galega desenvolveu unha nova edición do espazo web Primavera das Letras, cuxa presentación abriu para a institución simbolicamente o Ano Casares xa no mes de febreiro noutro centro educativo que leva o seu nome, o de Vilariño (Nigrán). Este foi un dos cinco gañadores da primeira edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras, unha boa mostra da implicación do profesorado na divulgación da lingua e a literatura de noso. Entre os premiados figura o "Casares-ton", o reggaeton composto no CEIP do Carballal para o poema "Amemos", escrito por Carlos Casares nos anos de mocidade.