A Fundación Rosalía de Castro convidou o estudantado do curso "Galego sen fronteiras", procedente de 22 países, a achegarse á vida e obra da escritora nunha visita guiada á casa museo de Padrón á que lle seguiu unha palestra do seu presidente, Anxo Angueira. O profesor salientou de Rosalía que soubo reproducir "como ninguén o espírito do pobo" a través dos cantares populares, pero proxectando neles un espírito crítico "feminista e social". "Na literatura galega o escritor nacional é unha muller, e iso dálle á historia de Galicia e ao Rexurdimento un sentido especial", indicou.
Angueira repasou a vida de Rosalía dende os seus primeiros anos e primeiros escritos, entre os que destacou os Lieders (1858), un auténtico manifesto feminista escrito con só 21 anos, para logo deterse en Cantares gallegos (1863), o primeiro libro integramente en galego. Pero máis aló dese valor, a obra conta con outro extraordinario porque "establece unha relación cos cantares tradicionais nova, absolutamente revolucionaria". "Os cantares populares ás veces son reaccionarios ideoloxicamente, machistas e clasistas, pero a cantiga de Rosalía é feminista, anticlasista e mesmo anticlerical", destacou.
Rosalía de Castro desenvolveu tamén nesta obra unha "grande alegoría nacional", proseguiu Angueira, ao servizo da defensa da dignidade de Galicia, pero de igual xeito que foi o principio de algo tamén foi a fin da poesía vinculada á música. "Con Cantares Gallegos péchase dalgún xeito o vínculo entre a poesía e a música. E tamén comeza algo novo (…), un espertar de todo un pobo", concluíu.
Os XXVIII Curso de Lingua e Cultura Galegas da Real Academia Galega atraen este verán a Galicia alumnado e profesorado de universidades de Europa, América e Asia. Son en total 64 persoas que participarán nunha variada programación de actividades ata o vindeiro 24 de xullo. A iniciativa conta coa colaboración de expertos na lingua e na cultura galegas tanto de Galicia como de fóra. Tras as palestras da semana pasada, protagonizadas por Angueira e os académicos Margarita Ledo Andión e Víctor Freixanes, hoxe será a quenda da tamén académica Fina Casalderrey. Mañá intervirá o investigador e membro do Instituto de Estudos Miñoranos Xosé Lois Vilar. O mércores, o director do portal culturagalega.gal, Manuel Gago, recibirá no Consello da Cultura Galega o alumnado, que o xoves poderá escoitar a Kathleen March, profesora da Universidade de Maine e tradutora ao galego de Rosalía de Castro ou Otero Pedrayo.