O alumnado de Galego sen Fronteiras visita o Concello de Santiago

O alumnado dos XXXIV Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” foi recibido este mediodía pola alcaldesa de Santiago de Compostela no pazo de Raxoi. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, agradeceu en nome das institucións coorganizadoras o recibimento da rexedora, estudosa da lingua e da literatura de noso e membro correspondente da RAG, lembrou.

Goretti Sanmartín animou os estudantes –máis de medio cento de persoas procedentes dunha vintena de países de Europa, América e Asia– a coñecer Santiago alén do núcleo histórico e achegárense aos seus barrios e parques, así como a falaren coa súa veciñanza. Na recepción tamén participaron canda ela Borja Rubio, do grupo municipal do PP; Milagros Castro, do socialista; e Xan Duro, de Compostela Aberta.

A RAG organiza os cursos Galego sen fronteiras en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O programa desenvólvese, como cada ano, ao longo de tres semanas do mes de xullo na cidade de Santiago de Compostela.