O padroado da Fundación Rosalía de Castro, do que a Real Academia Galega forma parte, reuniuse o pasado venres 1 de xuño para escoller o novo presidente e a nova comisión executiva.
Anxo Angueira Viturro chega á presidencia cunha listaxe de consenso. O escritor propuxo un programa de goberno para os próximos anos que salienta o fomento dos vínculos da entidade co Concello, con outras institucións e coa realidade do pobo de Padrón.
Investigador e dinamizador da figura de Rosalía de Castro, Angueira Viturro concibiu, entre outros proxectos, a guía Terra de Iria. Viaxe ao País de Rosalía de Castro (A Nosa Terra) e Rosalía XXI, unha achega ao universo rosaliano en clave de jazz.
A nova comisión executiva, co escritor á cabeza, está integrada por Luz Pozo Garza, vicepresidenta da Fundación e académica de número; Xosé Carlos Beiró Piñeiro, secretario; Justo Cortizo Sóñora, tesoureiro e cinco vocais: Xesús Alonso Montero, presidente do Centro de Estudos Rosalianos e académico de número; Ana Blanco, presidenta en funcións ata a votación; María do Carme Kruckenberg, escritora e ensaísta; Xosé Luís Axeitos Agrelo, secretario da Real Academia Galega; e Dolores Vilavedra, profesora e crítica literaria.