Novo número de ‘Cadernos de lingua’ con traballos sobre a velocidade de lectura e as perífrases temporais no galego oral contemporáneo

A velocidade de lectura en lingua galega centra un dos traballos que integran o último volume de Cadernos de Lingua, dispoñible para descarga en PDF na sección de publicacións. A profesora da Universidade de Santiago de Compostela Carme Hermida Gulías realiza unha aproximación a un aspecto relevante para asegurar a comprensibilidade dos subtítulos das obras audiovisuais e dos audiolibros, entre outros produtos. No mesmo volume o profesor do CPI Virxe da Cela Pedro Casais presenta unha achega sobre o cambio lingüístico nas variedades rurais do galego e Daniel Amarelo, da Universitat Oberta de Catalunya, analiza a variación da expresión do futuro no galego oral contemporáneo.
 

O número 40 de Cadernos de Lingua sae do prelo co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación.

O artigo de Carme Hermida Gulías expón o estudo da velocidade en que leron unha serie de textos de ficción e de divulgación vinte e oito persoas de idades e formacións diferentes no que se estableceu unha media de 243 palabras por minuto na lectura silenciosa e de 167 na lectural oral. A filóloga expón que o contraste entre as cifras obtidas nesta investigación e nas fornecidas por análises doutras linguas sitúa o galego nun rango intermedio en canto á velocidade de lectura de palabras por minuto.

No segundo traballo, Pedro Casais Cobas trata de observar, a partir da análise da práctica lingüística de dous falantes, a variación lingüística no galego actual, co obxectivo de determinar de que maneira o contacto do galego popular rural co castelán, coa variedade estándar e con outras linguas inflúe nas variedades do galego rural e establecer a relación existente entre este cambio lingüístico e a creación de novas identidades.

Finalmente Daniel Amarelo pon o foco na variación das perífrases temporais haber (de) + inf. e ir + inf. no galego oral contemporáneo. A partir da consideración do futuro en traballos anteriores, reúnense 150 exemplos de futuro perifrástico (ir + inf.) e 150 exemplos de futuro con haber (haber (de) + inf.), perífrases temporais que compiten na expresión do futuro nos seus espazos semánticos. Esta investigación, de carácter variacionista e con base empírica cuantitativa, demostra como as dúas formas en pugna se distribúen no uso das falantes en función de distintos factores lingüísticos e segundo as súas distintas vías de gramaticalización.