Nove traballos arredor do poeta Díaz Castro, nun novo número do ‘Boletín’

Os estudos e alocucións emitidos desde a Academia arredor da figura de Xosé María Díaz Castro en 2014 son recompilados no Boletín da Real Academia Galega nº 375, dispoñible en versión dixital a través da sección Publicacións de academia.gal. O volume recolle tamén outros traballos sobre as letras galegas desde o século XVIII ata o XX.

Retrato de Xosé María Díaz Castro, por cortesía da Asociación Cultural Xermolos. A imaxe ilustra a cuberta do BRAG 375.


A obra do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, protagonista do Día das Letras Galegas de 2014, é analizada desde distintas perspectivas nos nove traballos que asinan Armando Requeixo, Carmen Blanco, Luís González Tosar, Félix Villares Mouteira, Xesús Manuel Valcárcel, Xosé Manuel Salgado, María Xesús Nogueira, Alfonso Blanco Torrado e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG. Xunto a estas achegas, que se presentaron no simposio que a Academia lle dedicou a Díaz Castro o 11 de decembro de 2014, o BRAG nº 375 recolle tamén as tres alocucións pronunciadas na Casa Habanera de Guitiriz o 17 de maio polos académicos Xosé Luís Regueira, Darío Xohán Cabana e Xosé Luís Franco Grande.

A terceira sección do novo número do BRAG recolle, por outra banda, tres traballos sobre distintos aspectos da lingua, das letras e a cultura galega entre os séculos XVIII e XIX. Beatriz García Turnes asina o artigo titulado O xenio celta do portugués e do galego. De Francisco de S. Luiz Saraiva a Manuel Murguía; Juan Félix Neira escribe Pondal, estudante de latín. Achegas biográficas a propósito duns inéditos; e os académicos Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos e Ricardo Axeitos achegan Un manuscrito inédito do século XVIII sobre a importancia da lingua galega e a necesidade dun dicionario.

Xosé Díaz e Pilar García Negro publican na seguinte sección os traballos que presentaron nas Xornadas Castelao celebradas en outubro de 2014, organizadas pola Academia para conmemorar o quincuaxésimo aniversario da dedicación do Día das Letras Galegas ao insigne rianxeiro e os setenta anos da publicación de Sempre en Galiza. O volume recupera ademais os discursos pronunciados polos membros de número de Academia Xosé Ramón Barreiro, Rosario Álvarez, Xosé Luís Axeitos e Xesús Alonso Montero no plenario extraordinario de homenaxe a Xoán Manuel Pintos, acto co que esta institución celebrou en Pontevedra en 2011 o centenario do nacemento do autor d'A gaita Gallega.

Unha recensión do académico Xesús Ferro Ruibal sobre Léxico mariñeiro de Cedeira, de Xavier Rodríguez Vergara, e a sección sobre información institucional da vida corporativa completan este volume do Boletín.

O número 375 do Boletín da Real Academia Galega pode descargarse nesta ligazón.