Cristina Mª Fernández Mangana (Ourense, 1993), enxeñeira de profesión e creadora por vocación, fíxose co primeiro premio na categoría de adultos con "A tía Ramona", unha historia sobre a memoria familiar, a emigración e a perda en 192 palabras cheas de emotividade. O segundo premio foi para Laura Pasandín Rey (A Coruña, 1980), educadora social, psicopedagoga e autora d'As mans da terra (Toxosoutos), que participou con "Litofanía", un microrrelato que tamén é unha homenaxe a un ser moi querido dende a infancia; e Ana María Rey Gil (Zas, 1997), graduada en Dereito e veciña de Caión, acadou o terceiro galardón nesta categoría con "Sombras", trinta e cinco palabras cheas de intensidade narrativa que transmiten moito máis do que contan literalmente.
O xurado concedeulle o primeiro premio na categoría de xuvenil ao alumno do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra Nee Barros Fernández (Ourense, 2002) por "Entre a vida e a morte", unha historia que destaca polo manexo acertado do humor. O autor, veciño de Marín, xa fora galardoado na primeira edición deste concurso e este novo galardón súmase a outras distincións que ten recibido en convocatorias similares de creación literaria e audiovisual. Andrea Estévez Correa (Pontevedra, 2003), alumna do IES Ribeiro do Louro de Porriño, conmoveu o xurado con "Sorrisos de guerra", un conto sobre a esperanza no medio da destrución distinguido co segundo premio nesta modalidade; e Ana Martínez García (Teo, 2004), alumna do IES de Cacheiras, mereceu o terceiro cunha historia de só 32 palabras.
Na modalidade de infantil, Christian Cabaleiro Otero (Redondela, 2008), alumno do CEP Santa Mariña, é o gañador do primeiro premio con "Un mundo máxico", 79 palabras que transmiten con intensidade o pracer da escrita; Héctor Otero Pérez (Vigo, 2009), do CPR Rosalía de Castro, foi recoñecido co segundo premio por "A roupa da Terra", onde a fantasía habita o Universo; e Triana Liste Conde (Val do Dubra, 2009), do CPI de Bembibre, mereceu o terceiro premio con "O neno princesa", unha historia sobre o respecto á diversidade.