A edición, ilustrada por Laura Romero, arrinca cunha presentación na que Víctor F. Freixanes e Manuel González salientan que o galego é unha lingua para todos os usos e para todas as persoas que viven en Galicia, sexan galegos e galegas de nacemento ou de adopción, como é o caso de Marina Cabrera Vives, que reside en Galicia dende hai dous anos.
“A verdade é que o galego se fixo para min”, expresa a pequena, gañadora do segundo premio da categoría infantil, na súa temperá autoficción, “Lingua adoptiva”. “O galego é unha lingua feita para ela, para nós. Para todo un país que construímos día a día os galegos e galegas de nacemento e de acollida. Somos un pobo que quere contarlle ao mundo o que fai, o que sente, aquilo que a fai sorrir e chorar, as cousas que arela e o que é capaz de acadar. E facémolo con voz propia porque herdamos e gozamos dun idioma que nos permite mirar cara ao futuro sen esquecer o pasado. Porque a nosa é a lingua da xente moza que demostra que mantén os pés na terra e un ollar crítico, pero que non renuncia nunca á maxia de facer bailar o Universo”, subliñan Víctor F. Freixanes e Manuel González nun limiar con diferentes referencias aos relatos gañadores.
Os relatos premiados
Na categoría de persoas adultas resultou premiado o microrrelato “Aire libre”, unha historia inspirada na pandemia, pero cun xiro inesperado, asinada por Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia. O conto móvese entre dous momentos históricos e serve de reflexión sobre as consecuencias das decisións persoais para un mesmo e os demais.
Carlos Neira Suárez, xubilado do sector naval, fíxose co segundo premio de adultos con “Cronoloxías”, un relato inspirado “na cadea da vida, a marabilla da repetición xeracional e o seu encaixe intermitente na memoria”, explica; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, gañou o terceiro da mesma modalidade con “Herdanza”, un conto sobre arelas infantís e perdas irreparables que demostran que as persoas queridas son o realmente importante na vida. Aíne Tasende e Iris Varela recolleron no seu nome este galardón, que suma a outras distincións como a do concurso de microrrelatos do Consello Xeral da Avogacía Española.
Antía Novas Arribas, alumna de 2º de BAC do IES Johan Carballeira de Bueu, é a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato “Sen”, unha historia que reflicte o medo que pode chegar a sentir unha moza que camiña soa pola rúa en pouco máis de 100 palabras. “Baseeime na miña experiencia persoal dun día de inverno no que eu volvía á casa soa do adestramento. Xa era noite pecha e non había ninguén pola rúa. Entón comezou a medrar en min un sentimento de inseguridade e mesmo medo de que me puidese acontecer algo. Cheguei á casa e sentín a necesidade de plasmar o que sentira nun relato e repensar que acontecería se a miña historia rematase doutro xeito”, detalla Antía.
“Nacido con identidade propia”, un relato que conecta o valor do patrimonio natural coa consciencia de noso, valeulle o segundo premio na modalidade xuvenil a Lucas González Pérez, alumno de 1º de BAC do Colexio Marista Santa María de Ourense. Lucas non puido asistir ao acto de entrega e leu no seu nome a historia premiada a académica Fina Casalderrey, membro do xurado que avaliou os microrrelatos das categorías infantil e xuvenil.
O terceiro premio da mesma categoría foi para o desacougante “Quen son?”, de Carlota Alcalde Lorenzo, alumna de 4º da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia. A súa historia aborda ao mesmo tempo dous temas de gran profundidade. Por unha banda –conta Carlota– pretende indagar no misterio que rodea a mente das persoas en coma e, por outra, é unha metáfora do sentimento de dor extrema causada pola enfermidade mental.
O relato gañador máis curto, “O gran baile”, de tan só 16 palabras, é de Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu), que se fixo co primeiro premio na categoría infantil cunha fermosa danza planetaria. O segundo premio da mesma categoría recaeu en “Lingua adoptiva”, o conto baseado na descuberta do galego da propia autora, Marina Cabrera Vives, alumna do CEIP Castrelo de Miño. A pequena instalouse coa súa familia non hai moito no Ribeiro procedente de Cataluña e o seu álter ego nesta historia anima a romper a falar en galego a todas as persoas para as cales non é a primeira lingua.
A peregrinación a Compostela de Isabel, “A mosca viaxeira”, inspirada nunha anédocta familiar dunhas vacacións, deulle a Ximena Landeira Lista, alumna do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela, o terceiro premio da categoría de infantil.
Xurados
O xurado da categoría de persoas adultas –composto polos presidentes da RAG e PuntoGal; a académica correspondente Olivia Rodríguez González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil.
As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron lidas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.