Nove historias con premio e un idioma para todas e todos nós

As historias gañadoras do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal xa poden lerse en academia.gal e relatos.gal. As entidades convocadoras entregaron esta tarde os galardóns nun acto na sede da RAG no que as persoas gañadoras leron os seus respectivos textos, aos que fan referencia os presidentes das institucións convocadoras, Víctor F. Freixanes e Manuel González, no limiar da publicación dixital. Os dous participaron na entrega de premios xunto ás académicas Fina Casalderrey e Olivia Rodríguez, e mais a secretaria de PuntoGal, Editado de Lorenzo, en representación dos dous xurados que avaliaron as máis de 900 historias de ata 200 palabras presentadas por persoas de todas as idades; e Lois Alcayde , do comité de redacción da revista Luzes, que colabora na iniciativa.

1/13

A edición, ilustrada por Laura Romero, arrinca cunha presentación na que Víctor F. Freixanes e Manuel González salientan que o galego é unha lingua para todos os usos e para todas as persoas que viven en Galicia, sexan galegos e galegas de nacemento ou de adopción, como é o caso de Marina Cabrera Vives, que reside en Galicia dende hai dous anos.

“A verdade é que o galego se fixo para min”, expresa a pequena, gañadora do segundo premio da categoría infantil, na súa temperá autoficción, “Lingua adoptiva”. “O galego é unha lingua feita para ela, para nós. Para todo un país que construímos día a día os galegos e galegas de nacemento e de acollida. Somos un pobo que quere contarlle ao mundo o que fai, o que sente, aquilo que a fai sorrir e chorar, as cousas que arela e o que é capaz de acadar. E facémolo con voz propia porque herdamos e gozamos dun idioma que nos permite mirar cara ao futuro sen esquecer o pasado. Porque a nosa é a lingua da xente moza que demostra que mantén os pés na terra e un ollar crítico, pero que non renuncia nunca á maxia de facer bailar o Universo”, subliñan Víctor F. Freixanes e Manuel González nun limiar con diferentes referencias aos relatos gañadores.

Os relatos premiados
Na categoría de persoas adultas resultou premiado o microrrelato “Aire libre”, unha historia inspirada na pandemia, pero cun xiro inesperado, asinada por Antonio Cepeda Fandiño, profesor de Xeografía e Historia e responsable da área de documentación do Museo Pedagóxico de Galicia. O conto móvese entre dous momentos históricos e serve de reflexión sobre as consecuencias das decisións persoais para un mesmo e os demais.

Carlos Neira Suárez, xubilado do sector naval, fíxose co segundo premio de adultos con “Cronoloxías”, un relato inspirado “na cadea da vida, a marabilla da repetición xeracional e o seu encaixe intermitente na memoria”, explica; e Anabel Rodríguez Vázquez, perruqueira e veciña de Ourense, gañou o terceiro da mesma modalidade con “Herdanza”, un conto sobre arelas infantís e perdas irreparables que demostran que as persoas queridas son o realmente importante na vida. Aíne Tasende e Iris Varela recolleron no seu nome este galardón, que suma a outras distincións como a do concurso de microrrelatos do Consello Xeral da Avogacía Española.

Antía Novas Arribas, alumna de 2º de BAC do IES Johan Carballeira de Bueu, é a gañadora do primeiro premio na modalidade xuvenil co relato “Sen”, unha historia que reflicte o medo que pode chegar a sentir unha moza que camiña soa pola rúa en pouco máis de 100 palabras. “Baseeime na miña experiencia persoal dun día de inverno no que eu volvía á casa soa do adestramento. Xa era noite pecha e non había ninguén pola rúa. Entón comezou a medrar en min un sentimento de inseguridade e mesmo medo de que me puidese acontecer algo. Cheguei á casa e sentín a necesidade de plasmar o que sentira nun relato e repensar que acontecería se a miña historia rematase doutro xeito”, detalla Antía.

“Nacido con identidade propia”, un relato que conecta o valor do patrimonio natural coa consciencia de noso, valeulle o segundo premio na modalidade xuvenil a Lucas González Pérez, alumno de 1º de BAC do Colexio Marista Santa María de Ourense. Lucas non puido asistir ao acto de entrega e leu no seu nome a historia premiada a académica Fina Casalderrey, membro do xurado que avaliou os microrrelatos das categorías infantil e xuvenil.

O terceiro premio da mesma categoría foi para o desacougante “Quen son?”, de Carlota Alcalde Lorenzo, alumna de 4º da ESO do IES Campo de San Alberto de Noia. A súa historia aborda ao mesmo tempo dous temas de gran profundidade. Por unha banda –conta Carlota– pretende indagar no misterio que rodea a mente das persoas en coma e, por outra, é unha metáfora do sentimento de dor extrema causada pola enfermidade mental.

O relato gañador máis curto, “O gran baile”, de tan só 16 palabras, é de Elena Pastoriza Cortizo, alumna do CEIP Montemogos de Beluso (Bueu), que se fixo co primeiro premio na categoría infantil cunha fermosa danza planetaria. O segundo premio da mesma categoría recaeu en “Lingua adoptiva”, o conto baseado na descuberta do galego da propia autora, Marina Cabrera Vives, alumna do CEIP Castrelo de Miño. A pequena instalouse coa súa familia non hai moito no Ribeiro procedente de Cataluña e o seu álter ego nesta historia anima a romper a falar en galego a todas as persoas para as cales non é a primeira lingua.

A peregrinación a Compostela de Isabel, “A mosca viaxeira”, inspirada nunha anédocta familiar dunhas vacacións, deulle a Ximena Landeira Lista, alumna do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago de Compostela, o terceiro premio da categoría de infantil.

Xurados
O xurado da categoría de persoas adultas –composto polos presidentes da RAG e PuntoGal; a académica correspondente Olivia Rodríguez González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil.

As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron lidas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.