1.- Tal como dispón o artigo 7 do Regulamento de Réxime Interno da Real Academia Galega, a elección da figura dedicataria do Día das Letras Galegas corresponde ao Plenario. Para seren consideradas por parte deste, as propostas deben ir avaladas, razoadas e asinadas por un mínimo de tres académicos. Esas propostas sempre foron obxecto de debate e decididas mediante votación no Plenario inmediatamente posterior á celebración do Día das Letras Galegas.
2.- Como é coñecido pola opinión pública, para o Día das Letras Galegas 2015 foron presentadas ao Plenario as propostas de Xela Arias Castaño (polos académicos Xosé Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo Vázquez e Antón Santamarina), Ricardo Carballo Calero (por Francisco Fernández Rei, Manuel González González e Euloxio Rodríguez Ruibal), Celestino Fernández de la Vega (por Rosario Álvarez Blanco, Andrés Fernández-Albalat Lois e Andrés Torres Queiruga), Manuel María Fernández Teixeiro (por Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Xosé Luís Regueira Fernández e Margarita Ledo Andión) e Xosé Fernando Filgueira Valverde (por Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Pegerto Saavedra Fernández e Ramón Villares Paz).
3.- Tras sucesivas votacións no Plenario, as propostas que chegaron á última votación foron as de Celestino Fernández de la Vega e Xosé Fernando Filgueira Valverde, resultando elixido este último, como é público e notorio.
4.- Como se deduce do devandito, a Comisión Executiva da RAG non tivo máis papel na elección da figura para as Letras Galegas 2015 cá que sinala o Regulamento de Réxime Interno da RAG, isto é, dar trámite ao Plenario das propostas recibidas. No caso da elección deste ano, ningún membro da Comisión Executiva da RAG avalou, nin por escrito nin no debate que se realizou no Plenario, a proposta de Xosé Fernando Filgueira Valverde. O que non obsta, evidentemente, para que, unha vez decidido polo Plenario dedicarlle o Día das Letras Galegas 2015 a esta importante personalidade das nosas letras, a Comisión Executiva da RAG asuma como propia a decisión do Plenario da Academia.
A Coruña, 10 de xullo, 2014.