Ramón Suárez Picallo
De procedencia humilde e mariñeira, o traxecto vital de Ramón Suárez Picallo amosa unha grande analoxía coa de outros intelectuais galeguistas da mesma xeración. Emigrado desde moi novo en Bos Aires, na cidade pratense desempeñou diversos oficios, entrou en contacto co movemento obreiro organizado -quer na fronte sindical, quer na política- e foi construíndo, de xeito autodidacta e a través, sobre todo, dos xornais, a formación intelectual propia dun militante da esquerda. A conxunción destes dous últimos elementos había dar lugar, andado o tempo, ao seu labor como xornalista en diversos xornais da prensa obreira bonaerense.
Suárez Picallo coñecía e frecuentaba, así mesmo, os círculos culturais e políticos da emigración galega en Bos Aires, e a súa incorporación á redacción da revista Céltiga, que vén de ser dixitalizada recentemente polo Consello da Cultura e está dispoñible nesta ligazón, resultaría decisiva no seu achegamento a posicións políticas de signo nacionalista.
Coa proclamación da República, Suárez Picallo regresa a Galicia e enrólase, seguindo o ronsel do seu amigo Antón Villar Ponte, na Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) de Casares Quiroga pola que obtén acta de deputado en Cortes nas eleccións de xuño do 36. Decepcionado coa praxe deste partido, pouco sensible ás reclamacións dunha maior autonomía para Galicia, Picallo pasa, en decembro dese mesmo ano, a militar no Partido Galeguista, converténdose nun dos líderes da súa corrente de esquerda.
Foto de grupo con motivo da visita da actriz María Casares a Bos Aires en 1963. De pé: M. Represas, de Irmandade Galega; Abelardo Lago, director de Lugo; Ramón Otero, de La Prensa de Buenos Aires; Antón Alonso, B. Iglesias e Martínez Lamela. Sentados: Antón Alonso Rios, María Casares, Elpidio Villaverde e Ramón Suárez Picallo
En 1933, co triunfo da dereita, perde a súa acta de deputado, e durante o Bienio Negro exerce como xornalista en medios como A Nosa Terra ou El Pueblo Gallego e obtén a licenciatura en Dereito. Nas eleccións de 1936 volvería recuperar a súa acta de deputado, xa nas fileiras do Partido Galeguista, e desenvolvería unha activa campaña a prol da aprobación do Estatuto de Galicia, quer nos mitins, onde lucía a súa recoñecida oratoria, quer na prensa, como neste artigo publicado en El Pueblo Gallego o 28 de xullo do 36 que se pode ler aquí.
O estoupido da Guerra Civil sorprendeuno en Madrid, e Suárez Picallo, xunto con Castelao, iniciou unha intensa campaña en defensa da causa da República. Ao longo deste conflito, había perder dous dos seus once irmáns, un deles, Antón, militante tamén do PG, foi asasinado en agosto do 36 en Sada, e o outro caería na fronte, formando parte do exército republicano.
Rematada a Guerra, Suárez Picallo marchou para o exilio, primeiro en Francia, logo nos Estados Unidos e máis tarde en Chile, onde había permanecer 16 anos dedicándose ao xornalismo. En 1956 establécese definitivamente en Bos Aires, onde forma parte, con Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e outros, do Consello de Galiza, mantendo acesa, ata o final dos seus días, a lexitimidade republicana emanada do Estatuto de Galicia aprobado no 36.
Nesta ligazón podes acceder a unha gravación do Arquivo sonoro de Galicia, patrocinado polo Consello da Cultura, que recolle as intervencións de Ramón Otero Pedrayo e Ramón Suárez Picallo durante unha visita do primeiro a Bos Aires, o 15 de agosto de 1959.