A Carta Europea das Linguas, aprobada en 1992, definía no seu primeiro artigo como linguas rexionais ou minoritarias, "aquelas empregadas tradicionalmente nun territorio dun estado polos súbditos deste estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do estado", como é o caso do galego.
Máis adiante, no artigo 7 da mesma Carta establécese -alén da necesidade dunha acción decidida de promoción destas linguas co fin de salvagardalas mediante o fomento do seu uso na vida pública e privada, e da posta en marcha dos medios precisos a todos os niveis do ensino- o respecto pola área xeográfica de cada lingua rexional, procedendo de xeito que as divisións administrativas non constitúan un obstáculo para a promoción desta lingua.
A Carta Europea das Linguas foi asinada polo Goberno do Reino de España e obriga ao conxunto das administracións do estado, tanto ao goberno central coma aos das distintas comunidades autónomas. Neste sentido, a Real Academia Galega mostra a súa grave preocupación pola situación das comunidades galego-falantes fóra das fronteiras administrativas da comunidade autónoma, e fai un chamamento á Xunta de Galicia e aos gobernos rexionais de Asturias e Castela León para garantir o exercicio dos dereitos lingüísticos daquelas comunidades. Nestes momentos de inicio do curso, a Real Academia Galega considera inaceptable calquera medida que implique unha limitación aínda maior das posibilidades de aprendizaxe da lingua galega por parte dos e das galegofalantes- e daquelas persoas que sen selo desexan coñecer o noso idioma- na comarca do Bierzo.