Tribuna

No centenario do I Congreso de Estudos Galegos

Na última semana do mes de agosto do ano 1919 tiña lugar na Coruña o Primer Congreso de Estudios Gallegos, convocado tres meses antes polo Instituto de Estudios Gallegos que presidía Manuel Casás Fernández, daquela alcalde da cidade herculina. Pretendía "congregar a todas aquellas personas que, nacidas o no en Galicia, han dedicado talento, afanes y cariño a considerar aspectos de la vida y la cultura regionales, en una Asamblea que revise lo que se ha estudiado y lo que falta por elaborar, que proponga conclusiones para la solución de urgentes problemas, y marque el rumbo de orientación de ulteriores y transcendentales trabajos". Tiña, como importantes novidades, o seu ámbito interdisciplinario e que estaba aberto a todas as sensibilidades cun carácter de "absoluta independencia de todo móvil político".

A convocatoria tivo un relativo éxito, pois presentáronse comunicacións en todas as seccións (Filoloxía, Literatura, Ciencias históricas, Ciencias exactas, físico-químicas e naturais, Estudios económicos e sociais, Pedagoxía e Belas artes) e moitos dos relatores e asistentes podían considerarse como representantes do máis selecto da cultura galega do momento. Mesmo a participación da bióloga Celia Brañas supoñía xa unha tímida incorporación da muller ao mundo da investigación científica, ata daquela case reservado en exclusiva aos varóns. Foi moi significativa tamén a participación estranxeira, sobre todo no eido da Filoloxía, coa asistencia, entre outros, de Göran Borkmann, do Instituto Nobel; Contamine de Latour, de París; Willian Ker, de Londres; Hugo Rennert, de Pensilvania; e Henry Lang, de Yale, e, sobre todo, os portugueses Teófilo Braga e Carolina Michaëllis de Vasconcelos. Nas conclusións destacaríase, entre outras, a proposta da creación dunha cátedra de Lingua e literatura galaico-portuguesa na USC, así como a de organizar a partir do Instituto de Estudios Gallegos e outras institucións asociadas "un estudio tan completo como sea posible de nuestra lengua regional". De todas maneiras, o idioma do congreso foi na súa totalidade o castelán.

Para a clausura veu de Madrid, coa representación do Goberno de España, o reitor da Universidade Central, o compostelán Rodríguez Carracido, que ao día seguinte foi obxecto dunha multitudinaria e calorosa homenaxe da sociedade coruñesa cun banquete no Club de Regatas, que podería considerarse o derradeiro acto do Congreso, pois moitos dos seus asistentes participaron na homenaxe e nos obrigados discursos houbo referencias seguidas aos temas e iniciativas da asemblea. Mesmo Celia Brañas, que estaba na mesa presidencial, volveu insistir sobre a necesidade da presenza no mundo da ciencia do "elemento femenino consciente de Galicia" nun brinde que os xornais cualificaron de "muy oportuno y elocuente".

Carracido e a súa esposa, con parte dos asistentes á comida homenaxe celebrada na Coruña (Arquivo da RAG)

Prescindindo da lectura política do congreso, que para algúns historiadores do galeguismo suporía un último intento por recuperar o protagonismo dos vellos rexionalistas fronte ao importante recoñecemento que estaban a ter os novos nacionalistas das Irmanadades da Fala, enténdese que foi un acontecemento importante e singular da nosa historia cultural. Foi a primeira vez que Galicia na súa globalidade se constituíu como tema de estudo a partir da experiencia investigadora dun número significativo de especialistas nos diferentes eidos do saber. Estábanse a empregar xa no estudo da nosa historia e literatura métodos de traballo que cada vez se achegaban máis aos módulos vixentes nas universidades europeas e americanas. O idioma galego era obxecto de investigacións que comezaban a interesar aos especialistas estranxeiros e mesmo os nosos recursos produtivos estaban sometidos a análises críticas nas que o método científico primaba sobre outro tipo de achegas máis intuitivas e voluntaristas.

En certa maneira, estábase a vivir o espírito ilustrado que callara nas Sociedades Económicas de Amigos do País e que, ben actualizado pola ideoloxía do progreso, tentaba propoñer solucións ao atraso dos diferentes sectores produtivos: Galicia como problema a partir desa ollada parcial que ofrecían as análises da nosa agricultura, pesca, industrias e comunicacións, pero tamén Galicia como unha unidade cultural e política que se estaba a identificar e definir co sentimento rexionalista que agromara na segunda metade do XIX e que se facía presente a partir, sobre todo, da historia e da literatura.

O alento deste congreso volvémolo recoñecer no Seminario de Estudos Galegos que se crearía catro anos despois, onde de novo a ollada interdisciplinaria e a metodoloxía científica máis esixente se poñían ao servizo do coñecemento e promoción do país, pero agora cunha conciencia moito máis clara e definida do que se necesitaba, como foi p.e. o uso cada vez máis frecuente do galego como vehículo de expresión e as súas propostas de autonomía política. E, aínda que o SEG non se inclinou moito pola organización de grandes reunións científicas, a Semana Galega de Oporto do ano 1935 foi posiblemente a xuntanza que máis se asemellou, pola súa globalidade, a este Primer Congreso de Estudios Gallegos.

Nos anos seguintes, antes e despois da Guerra Civil, volvéronse organizar cada vez con máis frecuencia congresos coa mesma vocación de coñecemento a partir da experiencia científica sobre diferentes sectores da vida galega. Pero xa eran miradas parciais desde os múltiples sectores do saber. Sen dúbida, a dimensión e a variedade que acadara xa o coñecemento facía ilusorio tentar organizar nada que pretenderá abranguer a totalidade da problemática galega. Por iso, este Primer Congreso de Estudios Gallegos, do que lembramos o seu centenario, ten a singularidade de ser case o único momento da nosa historia en que unha mirada especializada, tinguida xa dun tímido rexionalismo, tentaba ofrecer unha imaxe unitaria desta terra. Despois, pola complexidade que se foi xerando, calquera outra iniciativa semellante se fixo imposible.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira
Membro de número da Academia